A deputada do BNG, Olalla Rodil pediu hoxe o consenso de todas as forzas parlamentarias para elaborar un novo decreto que potencie o uso da lingua galega entre a mocidade e a poboación infantil. Rodil botou man a última enquisa do IGE para denunciar unha realidade lingüística que precisa medidas urxentes contra a “tendencia negativa” neste ámbito.
A parlamentaria do BNG explicou que “un de catro menores de 15 anos non sabe falar galego e o 30%, non o escriben”. Por outra parte, apenas o 26% das persoas entre 5 e 14 anos usan a lingua propia, “dez puntos menos que no ano 2008”.
A pesar de todas as trabas, remarcou a nacionalista “o galego resiste” aínda, como lingua maioritraria cun 52% da poboación que o usa en maior medida. “O galego aguanta” pero faino, explicou, grazas á poboación maior de 50 anos que representa hoxe cerca o 80% das persoas que falan todos os días a lingua deste país”. Maiores de 50 anos residentes fundamentalmente en espazos rurais e semiurbanos. O galego mantense aínda como maioritario na lingua falada pero non na escrita. Só o 17% da poboación galega escribe habitualmente en galego, independentemente da lingua que falen e o 64% das persoas que din falar “sempre en galego” mudan ao castelán na escrita.
Para a deputada do BNG, esta tendencia á baixa merece “unha reflexión” do do Goberno galego, porque na súa opinión, resulta “vergoñento” que ante estes datos o Xunta mostre “unha gran euforía” que roza o “ridículo”. Imaxinan cal sería a reacción se “un de cada catro menores de 15 anos non souberan falar castelán e o 30% non soubese ecribilo, “ardería Troia”.
O ENSINO, UN AXENTE DESGALEGUIZADOR
Rodil preguntou ao grupo maioritario do Partido popular se non é consciente de os nenos e nenas que teñen como lingua inicial e familiar o galego mudan en canto entran na escola e moitos deles nin sequera teñen contacto coa lingua galega na casa –o 93% dos menores de 15 anos apréndeno, se o fan, na escola, pero lonxe de cumprir coa súa función normalizadora o ensino deste país tense convertido “nun axente desgaleguizador” como advertiron a Academia, o Consello de Europa e A Mesa pola Normalización Lingüística.
O BNG reclamou a “derogación” do Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario e elaborar un novo decreto que recolla unha oferta educativa en preescolar e educación infantil para todos os nenos e nenas galegofalantes, incrementar progresivamente o uso do galego nas contornas nas que predomine o castelán, fomentar a lectura e escritura, garantir a docencia en galego, como mínimo do 50%, medida tamén aplicable ao ensino secundario.
A portavoz popular, Sandra Vázquez Domínguez anunciou o voto en contra á proposición non de lei do BNG defendida pola deputada, Olalla Rodil.