A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considerou que o veto á comparecencia do ex presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo así como a negativa a negociar o plan de traballo da comisión de investigación confirma a “deriva antidemocrática” do Partido Popular e constitúe unha “falta de respecto” ao conxunto da cidadanía.
“Preocúpame que despois de tantos anos no Goberno da Xunta, o PP pense que as institucións democráticas son a súa finca particular”, advertiu en resposta aos medios de comunicación sobre o veto dos populares a que Feijóo acuda ao Parlamento galego para dar explicacións sobre os chanchullos do Partido Popular nas contratacións durante os anos nos que el presidía a Xunta. Veto que os populares fixeron extensivo a todas as persoas vinculadas a altos cargos e familiares do PP, incluídas a irmá e o cuñado do ex presidente.
Pontón asegurou que é “inexplicable” que o propio Feijóo, que en Madrid “está a reclamar transparencia e comparecencias noutras institucións”, se negue a comparecer na comisión creada a instancias do BNG para investigar o sobrecuste de 470 millóns de euros do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo ou se nas contratacións menores e nas adxudicacións da pandemia “foron beneficiadas empresas vinculadas a altos cargos do PP”.
Empresas como Eulen, que dirixe en Galiza a súa irmá, Micaela Núñez; Universal Support, na que traballa como directivo o seu cuñado, Ignacio Cárdenas, ou Mappe Asesores, para a que fixo de intermediario o compañeiro sentimental de Isabel Díaz Ayuso, Alberto González Amador.
Para a líder nacionalista, a situación na que queda a comisión de investigación tras a imposición do plan de traballo do PP, na que si se pedirá a comparecencia de Salvador Illa como ex ministro de Sanidade, é coma a dun xuízo “no que o principal acusado non aparece a comparecer, no que non se permite que comparezan testemuñas ou no que non se permite o acceso aos peritos”.
“Tanto quen acusa como quen é defendido teñen dereitos nun xuízo”, engadiu Pontón, lembrando que no caso da comisión de investigación o BNG “non puido facer nin unha soa proposta de comparecencia nin se aceptou nin un só documento dos que solicitou”. “Isto é un fraude á democracia e á cidadanía”, remarcou.
A portavoz nacional anunciou, por outra banda, que o Bloque vai presentar enmedas aos Orzamentos da Xunta para 2025 co obxectivo de aliviar a “asfixia económica” dos concellos galegos. “Levamos moitos tempo denunciando a situación límite na que se atopan os concellos”, subliñou, sinalando ao Executivo de Rueda como un dos principais responsables do mal estado das finanzas municipais.
“A Xunta está sobrecargando aos concellos con moitas responsabilidades, con competencias que lles son impropias, pero sen financiamento”, advertiu, emprazando ao PP a atender as propostas que o BNG presentará aos orzamentos. “Veremos se o Goberno do PP tende a man para axudar aos concellos ou segue aplicando o rodete”, concluíu.