A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou a necesidade de “manter vivo hoxe máis que nunca o legado de Alexandre Bóveda” e as súas “ideas avanzadas” para defender “un novo modelo de financiamento para Galiza que nos permita ter as chaves dos nosos cartos”.
“Bóveda fixo os primeiros estudos que demostraron que o Estado recada máis en Galiza do que logo inviste e esa é unha realidade que segue a día de hoxe vixente”, recordou, para engadir a continuación que, polo tanto, “hoxe tamén é necesario defender un novo modelo de financiamento para Galiza que nos permita ter a chave dos nosos cartos, que nos permita que o 100% dos impostos se recaden no noso País e que os poidamos investir en fortalecer a sanidade pública e o resto de servizos públicos ou en facerlle fronte a esta grave crise de prezos que está facendo que tantas familias, que tantas empresas, que tantas persoas, o estean pasando mal neste momento”.
Así o afirmou momentos antes de asistir á homenaxe institucional do Concello de Poio a Bóveda, no que participaron a filla do histórico galeguista, Amalia Bóveda, o alcalde da localidade, Luciano Sobral, e a concelleira de Memoria Histórica, Marga Caldas, así como representantes das Fundacións Alexandre Bóveda e Castelao.
Logo de lembrar que o 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, “lembramos a través da figura exemplar de Bóveda a todas as persoas que foron asasinadas nese dramático 36 e nos anos posteriores por defender as súas ideas e o seu amor por Galiza”, Pontón considerou que “hoxe é máis necesario que nunca manter viva esa memoria e ese legado” e, neste sentido, asegurou que “o BNG actualizado non deixa de ser a obra coa que soñou Bóveda, ese partido galeguista do século XXI que el empezou nun momento histórico tan ilusionante e que hoxe se mantén vivo”.
A portavoz nacional do Bloque sinalou a data de hoxe como “un día para reivindicar a Bóveda e a súa memoria”, pero tamén para denunciar que “levamos durante os últimos 14 anos cun Goberno do PP que nin lembra, nin honra, nin recoñece a figuras tan importantes como a de Bóveda; ao contrario, mesmo se incumpren iniciativas que aprobamos no Parlamento para que se conmemorara de maneira oficial este día”.
Así pois, afirmou que “un Goberno do BNG poñerá fin a todos estes anos de desprezo e de maltrato a figuras como as de Alexandre Bóveda e poñerán no centro a recuperación da memoria”, dignificando ese legado e facendo que se coñeza a historia “para que nunca máis se volva repetir”. Pontón engadiu nesta liña que “celebraremos o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir como un día tamén institucional, con todo o recoñecemento do Goberno galego, porque, segundo concluíu, “non podemos esquecer que se temos autogoberno neste País é tamén en parte grazas ao traballo de persoas como Alexandre Bóveda e de toda esa xeración irrepetible á que hoxe homenaxeamos e lembramos”.