Pontón propón a Rueda e Besteiro reunirse para abordar unha estratexia de País a favor dunha AP-9 galega e libre de peaxes

Ana Pontón
Ana Pontón

Recorda que a histórica rebaixa nas peaxes lograda polo BNG no acordo de investidura foi o único avance favorable para os galegos e as galegas

A portavoz nacional, Ana Pontón, remitiu sendas cartas ao xefe do Executivo e presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, e ao secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, en relación á situación da AP-9, propoñendo un encontro entre os máximos responsables das tres forzas políticas para abordar a situación na que se atopa a transferencia da autopista, despois de que a Comisión Europea abrise un expediente de infracción ao Estado español pola ampliación da concesión ata 2048 aprobada polo Goberno do PP encabezado por José María Aznar.

Logo da decisión comunitaria, Pontón destaca na carta dirixida hoxe a Rueda e Besteiro que este é un momento “crucial” para lograr “unha AP-9 galega e libre de peaxes”, polo que considera importante de cara á consecución dese obxectivo que os responsables políticos das principais formacións de Galiza manteñan unha reunión ao máximo nivel para “poder tecer unha estratexia de País” co fin de acadar “unha demanda longamente reclamada pola sociedade galega”.

A líder nacionalista apunta tamén a conveniencia de celebrar dita reunión o antes posible para axilizar todos os pasos que culminen “con éxito a transferencia da autopista libre de peaxes”, logo de lembrar que este é un dos obxectivos no que o BNG vén traballando “con rigor e coherencia” desde hai anos, “impulsando desde o Parlamento galego a elaboración e aprobación por unanimidade de sucesivas leis de transferencia que, sen embargo, non lograron a aprobación do Congreso”.

Neste sentido, explica que no último intento, e tras a toma en consideración da lei galega por parte da Cámara baixa, o Bloque solicitara a súa tramitación urxente, dados os retrasos acumulados de anos, petición que foi desoída porque tanto PP como PSOE presentaron emendas e solicitaron até dezasete prórrogas, “o que provocou que finalizase a lexislatura sen ter aprobada a lei galega, obrigando a volver ao punto de partida”. “De feito -subliña-, o Parlamento de Galiza veuse obrigado por cuarta vez a aprobar unha nova lei solicitando a transferencia”, un cuarto texto lexislativo que “aínda non foi tomado en consideración”.

Así pois, e en relación á AP-9, Pontón sinala na súa carta como único avance favorable até agora para os galegos e ás galegas “a histórica rebaixa das peaxes” lograda polo BNG no acordo de investidura co PSOE tras as eleccións xerais de 2019.

Por último, a portavoz nacional tamén cita na carta o acordo logrado este último pleno no Parlamento galego en relación á principal autoestrada do País, acordo polo que se solicita ao Estado a anulación da prórroga de 25 anos outorgada á concesionaria no ano 2000, que asuma a xestión directa da autoestrada suprimindo as peaxes e que impulse a súa transferencia a Galiza. A proposición non de lei tamén incluía a realización por parte da Xunta dun estudo que explore as vías xurídicas para anular a prórroga e unha avaliación dos custes económicos que tería para o Estado a asunción da infraestrutura.   

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG