A deputada do BNG Iria Carreira reclamou este xoves en sede parlamentaria á Consellería de Sanidade que restitúa a atención pediátrica e cubra o resto de prazas asignadas ao centro de saúde de Outes, un exemplo, asegurou, das consecuencias da falta de planificación e dos quince anos de “deterioro progresivo” da sanidade pública polas políticas do PP, especialmente na Atención Primaria, que se ten convertido nun “caixón de desastres acumulado no tempo”.
“Hoxe en día é difícil atopar un centro de saúde en Galiza co seu cadro de persoal completo, porque alí onde non hai unha xubilación sen cubrir, hai baixas laborais que se intersubstitúen ou vacacións tamén sen cubrir”, asegurou, subliñando ademais a carencia de pediatras que afecta a uns 200 concellos galegos. Malia esta situación, criticou, a Consellería de Sanidade aínda se fixa agora como obxectivo, e para dentro dun ano, facer un plan de recursos humanos. “Sen presa”, ironizou.
Iria Carreira levou á Comisión 2ª da sanidade as inquedanzas das familias de Outes - concello duns 6.000 habitantes dos que máis de 400 teñen menos de 14 anos- pola falta de atención pediátrica no seu centro de saúde, onde até hai pouco traballaba unha pediatra de xeito compartido con Noia. Porén, Sanidade vén de decidir concentrar a atención pediátrica de toda a comarca en Noia, a onde se terán que desprazar agora para recibir consulta os nenos e nenas con menos de tres anos de Outes. O de máis de tres anos pasan a ser atendidos polas facultativas de familia.
“A Consellería de Sanidade, que debería cubrir as baixas e vacacións do persoal de pediatría, decide obrigar ás familias de toda a contorna a acudir ao único servizo que se presta. O de Noia e, polo tanto, quen ten que atender o cupo de catro concellos, retrasando as citas e provocando a saturación do servizo e máis carga de traballo aos profesionais”, apunta a pregunta rexistrada polo do BNG.
Iria Carreira criticou que a situación de precariedade no centro de saúde de Outes afecta tamén ao resto de profesionais, pois das cinco médicas de familia asignadas, unha xa se xubilou, outra vaino facer este mes e outras dúas ao longo antes de que remate o ano. “A situación no é para botar foguetes”, asegurou a deputada nacionalista durante o debate parlamentario, advertindo que “sempre hai marxe para mellorar co goberno do PP”.
A portavoz de sanidade hospitalaria do Bloque reclamou ao Goberno da Xunta máis investimentos e unha mellor xestión da Atención Primaria porque, subliñou, “está demostrado que é a mellor aposta para manter a saúde da poboación”.