A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preguntará ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por que quere impoñer en Galiza a macrocelulosa de Altri que non queren en Portugal, unha pregunta sinxela que lle leva facendo todos os días desde que a Xunta aprobou a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) da macrocelulosa pero que aínda non obtivo resposta.
Así o adiantou tras a reunión da Xunta de Portavoces a viceportavoz do Bloque, Olalla Rodil, que lamentou que mais unha vez o PP vete a comparecencia de Rueda para dar explicacións sobre a tramitación de Altri, tal e como solicitaron as deputadas e os deputados nacionalistas diante da “preocupación e da alarma social, do profundo debate político, pero tamén científico e veciñal” que existe arredor dos plans para instalar a megacelulosa na comarca da Ulloa.
“O único proxecto industrial que ten o PP para Galiza é este modelo de franquismo industrial, unha segunda celulosa no noso País despois do dano que ten causado a primeira”, manifestou Rodil, que subliñou que o proxecto da empresa lusa suporía unha “hipoteca á política forestal galega durante décadas”. Neste punto, lembrou que mentres en Galiza a moratoria á plantación de novos eucaliptos finaliza este ano, no País veciño decidiron prorrogala, cando menos, até 2030.
Olalla Rodil denunciou o “escurantismo” e as “malas artes” que “de xeito incansable” o PP está utilizando na tramitación desta “auténtica bomba ambiental”. Malas artes, explicou, como leis que foron “feitas a medidas” dun proxecto no que a Xunta —a través da Sociedade Impulsa— vai do ganchete de Altri, o a desprotección, na Estratexia de Infraestrutura Verde, do espazo natural na contorna da Serra do Careón onde queren instalar a fábrica. Segundo os técnicos do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) esta área tiña que ser protexida polo seu altísimo valor ecolóxico e de biodiversidade, lembrou.
“Así, con leis feitas a medidas, calquera pode montar unha empresa!”, ironizou Rodil, que criticou neste sentido que a Xunta estea ignorando o criterio dos científicos que están alertando da necesidade de protexer o medio no marco da emerxencia climática na que nos atopamos. “Vemos como o PP abraza a nivel estatal -onte mesmo en Valencia- pero tamén en Galiza o discurso máis ultra que nega mesmo a existencia do cambio climático”, lamentou a viceportavoz nacionalista, salientando a continuación que segundo advirten científicos do CSIC “a bomba ambiental de Altri incidiría aínda máis nas terribles consecuencia do cambio climático”.
É por iso que emprazou o PP a escoitar á comunidade científica e os profesionais que cada día están alertando da ameaza que supón Altri, como é o caso de Mercedes Rois, ex directora da Axencia Galega de Industria Forestal XERA, que vén de publicar un artigo no que textualmente di: “Considero unha equivocación colocar esta fábrica na contorna do Camiño de Santiago, signo de identidade lo que nos coñecen no mundo enteiro, na serra do Careón, onde hai varias especies vexetais, en perigo de extinción, e co impacto nas augas (temperatura e químicos) tanto no río Ulla como na ría de Arousa, unha das máis produtivas da costa galega”.
No mesmo artigo, a ex alto cargo da Xunta afirma ademais que “os 500 postos directos que se estima creará non xustifica esta intervención na paisaxe. E menos se necesita unha financiación pública de tal calibre (...) O cambio climático é unha realidade preocupante e o único que nos vai facer máis resilientes é esa diversidade, non cultivos monoespecíficos, aínda que certo é que nunha proporción limitada tamén son necesarios”.
No Pleno da semana que vén, o BNG tamén pedirá explicacións sobre a captación de auga no encoro de Portodemouros porque “aínda que sabemos que a Xunta lle deu luz verde porque o filtrou a un medio de comunicación, non temos constancia das razóns que xustifican ou en que se ampara a Xunta para esa autorización” para que Altri capte 46.000 metros cúbicos de auga ao día, ou 535 litros de auga por segundo.
A mina de Touro, outro exemplo do modelo de arrasar recursos
Así mesmo, o BNG vai defender unha PNL para garantir a protección da ría de Arousa, a máis produtiva de Galiza, da outra espada de Damocles que, ademais de Altri, ten enriba, como é a autorización da Xunta para reabrir a mina de Touro-O Pino, tamén declarada proxecto industrial estratéxico o outro exemplo que “o modelo industrial do PP é o máis vello, o que se basea no extractivismo, en arrasar recursos e espazos naturais para o enriquecemento dun puñado de empresas que van levar toda a riqueza para fora”.
Na orde do Pleno incluíse outra iniciativa do BNG para pedir a transferencia dos servizos meteorolóxicos a Galiza, unha demanda histórica da formación nacionalista que permitirá mellorar as predición, os estudios e, sobre todo, fortalecer a capacidade do noso País para dar resposta á emerxencia climática e ao impacto que ten na vida da xente”.