A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, emprazou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a aclararlle ás galegos e aos galegos se vai aceptar o recorte da débeda que o BNG negociou no acordo de investidura ou, se pola contra, se vai a negar a falar deste asunto co presidente do Goberno do Estado, seguindo as directrices que lle marca Génova e, en consecuencia, facendo que Galiza perda centos de millóns de euros.
“O BNG negociou no acordo de investidura co PSOE que Galiza ten que ter exactamente a mesma quita que outras comunidades na súa débeda pública e a pregunta que lle facemos a Rueda é moi clara: se o presidente do Goberno do Estado ofrece unha quita da débeda , vai dicir si ou non? Vai negarse a tratar este tema porque así llo marcou o señor Feijóo?”, asegurou Pontón na Coruña.
Pontón considerou “preocupante” a actitude coa que Rueda afronta a súa cita na Moncloa este venres porque demostra, engadiu, “unha subordinación e un servilismo a Madrid que nunca antes se vira”. A líder do BNG criticou, a continuación, que o titular da Xunta acuda ao encontro con Sánchez disposto a antepoñer a estratexia de Génova aos intereses dos galegos e as galegas. Non negociar a quita da débeda da Xunta, que o PP triplicou, suporía renunciar “a moitos millóns de euros” para financiar a sanidade e a educación ou o sistema de atención ás persoas dependentes en Galiza, engadiu.
A portavoz nacional advertiu que a negociación da quita da débeda e dun sistema de financiación xusto para Galiza deberían ser temas prioritarios na axenda do titular da Xunta para o encontro con Pedro Sánchez. “Son cuestións claves para que non vaiamos a outra cita co presidente do Goberno central da que só quede unha foto e da que non saia absolutamente nada para este País”, recalcou.
É por iso que lamentou que Rueda vaia a Moncloa “cunha posición de partido e non cunha posición de País” negociada cos grupos parlamentarios. “De momento, o señor Rueda nin sequera levantou o teléfono para falar coa líder da oposición”, concluíu a portavoz nacional do Bloque.