Pontón pide retirar o Decreto do Plurilingüismo e aplicar o Plan de Normalización

Ana Pontón

A portavoz de Cultura do BNG, cualifica de “desastre” a política lingüística da Xunta e pide protección para a lingua galega

A portavoz de cultura do BNG, Ana Pontón aproveitou a comparecencia do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García para pedir novamente que sexa retirado o Decreto do plurilingüismo e se cumpra o Plan de Normalización Lingüística en Galiza.

Trala intervención do titular de Política Lingüística da Xunta, a parlamentaria nacionalista cualificou a comparecencia de Valentín García de “oda á imaxinación ao poder” e expresou a súa sorpresa por non ter abordado a situación lingüística en Galiza, motivo da convocatoria de comparecencia.

Ana Pontón mostrouse especialmente crítica coas liñas e obxectivos do departamento que dirixe Valentín García e cualificou de “relato de iniciativas” menores o que en realidade debería ser “unha análise da situación lingüística de Galiza”.

Na súa intervención, a deputada censurou que a comparecencia de García non houbera ningunha referencia, “á situación do idioma galego, os seus problemas e previsións da Xunta para resolvelos.”

Neste sentido, volveu reclamar a “retirada do Decreto do plurilingüismo e a posta en práctica do Plan de Normalización Lingüística”.

Para a parlamentaria do BNG, o decreto ataca á lingua galega e pon en risco o seu proceso de normalización, máis “vostede, dixo, non nos fala nada diso e ven aquí a gabarse de actuacións que nin sequera son da Xunta de Galiza” entre as que destacou o twitter en galego, froito do traballo social non da Secretaría xeral de Política Lingüística que recibiu miles de críticas por unha “nota noxenta” na que tentaba apropiarse da iniciativa.

O PP diminúe a presenza do galego en todos os ámbitos

Pontón  recriminou a política da Xunta no audiovisual da que dixo, “afoga e diminúe a xa cativa presenza do idioma galego” e debería preocuparlle, dixo, que películas como Vilamor teña problemas para ser exhibida en circuítos comerciais.

A parlamentaria tamén criticou a oferta audiovisual destinada aos nenos e nenas e recomendoulle ao director xeral ver algo máis a TVG, “seguen poñendo os debuxos animados que eu vía de pequena” comentou. Esas producións audivisuais “están desfasadas”.

Ana Pontón acusou ao representante da Xunta de “destruír o idioma galego” e nesta liña aludiu á opinión do Comité de expertos do Consello Europa sobre a aplicación da Carta europea das Linguas no Estado español a respecto de Galiza que “felicita aos gobernos catalán e vasco polo apoio e promoción dados en todos os ámbitos sociais maioritariamente do ensino pero non fai o mesmo co Goberno galego ao que lle reprocha a redución gradual do uso da lingua galega no ensino, a xustiza e os medios de comunicación”.

A deputada concluíu afirmando que a política lingüística da Xunta persegue o retroceso “da nosa lingua en todos os ámbitos” e impide a súa normalización eliminando os servizos e dificultando o traballo das equipas nos concellos, nos centros de ensino e na administración.

O PP vota en contra da retirada da lei Wert

Na mesma comisión, a Proposición non de lei defendida polo portavoz de Educación, Cosme Pombo para demandar do Goberno central a retirada do Anteproxecto de lei Orgánica para a mellora da calidade educativa, (LONCE) foi rexeitada polo Partido popular.

Pombo denunciou que a LONCE foi elaborada sen estudos previos como “un corta e pega que non vale para nada” E que nega o “dereito ao ensino galego”.

O deputado pediu a retirada dun texto que cualificou de “lesivo para todos os galegos” e iniciar un novo proceso de dialogo para acadar unha Lei que conte co respaldo da comunidade educativa e da cidadanía.

Pombo concluíu cualificando a LONCE de “reaccionaria, españolizadora, antigalega, privatizadora, clasista, antipedagóxica, confesional e liquidadora do ensino público galego”.

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG