A portavoz nacional, Ana Pontón, e a cabeza de lista ás eleccións europeas, Ana Miranda, participaron nun mitin en Carballo no que pediron á cidadanía unha gran mobilización enchendo as urnas de papeletas do BNG, a única candidatura que da voz propia e libre a Galiza e defende unha Europa dos pobos, social e da paz.
“Pídolle ós galegos e ás galegas que este 9 de xuño collan masivamente a papeleta do BNG, sabendo que o seu voto vai servir para que Galiza conte no Parlamento europeo e, ao mesmo tempo, para construír unha Europa social, feminista antifascista e pola paz. Ese é o dobre valor do escano de País que representa o Bloque da man de Ana Miranda”, proclamou.
A líder do Bloque aproveitou a presenza da candidata do PP europeo, Ursula Von der Leyen, -a modo de paracaidista en campaña electoral-, para contrapoñer o modelo de Europa que defende a formación nacionalista co que representa o Partido Popular: “Coa súa presenza podemos ver dous modelos de Europa: a Europa do Partido Popular de Feijóo, cada vez máis ultra, disposta a pactar coa extrema dereita tamén en Bruxelas, e a Europa social, dos pobos e da paz que defende o BNG”, explicou.
O modelo do PP é o dunha Europa “militarista, comparsa da OTAN e de EEUU, cómplice da masacre do pobo palestino, e por iso temos hoxe de paracaidista á mesma candidata do PP que foi a Israel a mostrar o seu apoio ao Netanyahu, o xenocida que está facendo en Gaza o mesmo que os nazis fixeron en Alemaña”, denunciou.
Un Partido Popular que xa anunciou que non ten ningún reparo a pactar coa extrema dereita, tamén en Bruxelas, a favor dunha Europa que aumenta o gasto militar mentres recorta en servizos públicos; que levanta muros e coloca concertinas contra as persoas que foxen da pobreza ou da guerra, que de defende ás multinacionais e á banca mentres recorta en pensións, salarios e dereitos laborais, alegou Pontón.
“Pero esa non é a nosa Europa”, proclamou a portavoz nacional, “porque o BNG defende a Europa dos pobos, social, xusta, da igualdade; unha Europa que coloque ás persoas no centro, solidaria, de acollida; unha Europa feminista, que respecte a diversidade. Defendemos unha Europa antifascista, antimilitarista, que non mire para outro lado ante o xenocidio do pobo Palestino. Unha Europa da paz”, recalcou.
Para iso tamén vale o escano galego: para darlle a Galiza unha voz propia e libre que a defenda en Bruxelas e para construír esa Europa social e da paz. “Por iso, pídolle os galegos e ás galegas que este 9 de xuño enchan as urnas de papeletas do BNG, sabendo que o seu voto vai servir para que Galiza conte no Parlamento europeo e, ao mesmo tempo, para construír unha Europa social, feminista antifascista e pola paz”, concluíu.
Na súa intervención a candidata Ana Miranda destacou o enorme potencial do País cuxos sectores produtivos están sendo discriminados por moitas das políticas que se toman desde as institucións comunitarias, “por iso é tan importante ter unha voz propia que os defenda en Bruxelas como fixo o BNG ao longo destes anos fronte a un Goberno do PP cruzado de brazos”, alegou.
Asuntos de país
A pesca, o rural, a rexeneración das rías, o espolio eólico, a macrominería e agora a macrocelulosa contaminante de ALTRI, a traxedia de Angrois, a defensa dunha AP-9 galega e libre de peaxes foron algún dos moitos temas de país dos que se falou en Europa grazas ao escano do Bloque.
“Por iso Galiza precisa seguir tendo unha voz propia para que tanto os seus problemas como os do resto da humanidade cheguen ás instancias europeas, igual que fixemos até agora”, indicou Miranda, “só cunha voz forte en Europa seremos quen de impulsar políticas pensadas para pór o noso país a producir e pido á cidadanía que colla a papeleta do BNG o 9X, a única 100% galega sen máis obediencia que a defensa dos intereses dos galegos e das galegas”.
Miranda tamén fixo fincapé en que o futuro de Galiza pasa por defender unha Europa dos pobos e das persoas, dos dereitos e da xustiza social, que aposte pola paz nas relacións internacionais, que deixe de ser cómplice no xenocidio de Gaza e para frear o avance da extrema dereita que pon en risco os dereitos que se lograron con tanta loita. “Para todo isto vale o escano galego”, concluíu.