A portavoz nacional, Ana Pontón, e a cabeza de lista, Ana Miranda, pediron en Ribeira o apoio masivo á candidatura do BNG ás eleccións europeas para darlle a Galiza “un escano galego, un escano de País”, en Bruxelas.
Tanto Pontón como Miranda destacaron nun mitin en Ribeira a necesidade de que Galiza conte cunha “voz propia” para defender os seus intereses nas institucións europeas porque, segundo recalcaron ambas, a papeleta do Bloque “é a papeleta de todos e todas os galegos”.
“Estas eleccións non van de Sánchez e Feijóo, van da vida dos galegos e das galegas e do moito que nos estamos xogando no Parlamento Europeo”, afirmou a líder nacionalista para animar a coller a “esa papeleta con orgullo e ilusión”, sabendo que “é a voz de todas e todos os galegos”.
“Somos a candidatura galega, a candidatura que defende os intereses de Galiza, libre e sen intermediarios”, apuntou Miranda, quen recalcou que o BNG non só é “garantía de eficacia” na defensa do País na Eurocámara, senón tamén garantía na defensa dos servizos públicos e da construción dunha Europa antifascista e democrática.
Neste sentido, a candidata nacionalista recordou o intenso labor desenvolvido ao longo dos últimos anos en defensa dos sectores produtivos galegos, como a pesca e o marisqueo, das infraestruturas estratéxicas para o País ou de cuestións tan relevantes como a rexeneración das rías e a falta de saneamento, dándolle voz a un amplo abano de colectivos, como os afectados polo boom eólico depredador do Goberno do PP, as vítimas do terrible accidente do Alvia ou, máis recentemente, os afectados pola macrocelulosa proxectada por ALTRI en Palas de Rei coa conivencia do Executivo de Alfonso Rueda.
“Se o BNG está, Galiza está”, resumiu Miranda, quen tamén defendeu “outra Europa”, a Europa dos dereitos sociais e a xustiza social, a Europa dos pobos, unha Europea que aposte polo respecto e a paz nas relacións internacionais e que non sexa cómplice co xenocidio do pobo palestino en Gaza.
Voz e voto para Galiza nas negociacións de pesca
No peirao de Ribeira, “o porto de baixura máis importante de Europa e o primeiro en descargas”, a candidata do BNG comprometeuse a seguir defendendo o dereito da xente do mar a seguir vivindo da pesca e o marisqueo.
Un compromiso que reafirmou Pontón ao defender o dereito de Galiza a decidir en Europa “con voz e con voto” sobre os asuntos que lle afectan. “Queremos voz e voto para estar sen intermediarios nas mesas de negociación nas que se tomen decisións sobre asuntos que son estratéxicos, e a pesca e o marisqueo é un deles”, afondou.
Nesta liña, a portavoz nacional advertiu que a Política Pesqueira Común está deseñada sen entender nin recoller a realidade do sector galego, de aí regulacións que non se entenden e que mesmo cuestionan a frota artesanal, que é a máis sostible e respectuosa co medio. “Imos seguir pelexando por outra política pesqueira que non nos discrimine nin nas axudas nin no reparto das cotas de pesca”, avanzou.
Outro asunto que considerou fundamental é a rexeneración das rías, pola que o BNG leva anos loitando e que, recalcou, vai seguir pelexando con máis forza a partir do 9 de xuño co obxectivo de ter “unhas rías produtivas e libres de contaminación”.
“Por iso non podemos permitir a instalación de macrocelulosas que suporían unha agresión ambiental descomunal, como é o proxecto de ALTRI”, afondou para reafirmar a continuación a posición nacionalista: “Industrializar Galiza, si; contaminar Galiza para que se forren unha presa de multinacionais, non”, sintetizou.
Pontón reprobou o empeño do Goberno do PP en querer instalar no corazón do País “a bomba medioambiental que supón a macrocelulosa de ALTRI e, por riba, subvencionala con 250 millóns de euros dos fondos europeos, polo que apostou por parar, tamén co escano do BNG en Europa, a “desfeita contaminante” que suporía o proxecto e destinar estes 250 millóns a apoiar a frota e a xente do mar, rexenerar as rías ou impulsar as PEMES galegas.
Pola defensa dos intereses galegos, mais tamén pola defensa desa outra Europa posible, “social, xusta, diversa, solidaria, antimilitarista e pacifista”, Pontón pediu unha gran mobilización o próximo 9 de xuño en apoio da candidatura do BNG, “a candidatura de todas e todos os galegos, o equipo da casa”, concluíu.