A portavoz nacional, Ana Pontón, e a candidata ás eleccións, Ana Miranda, animaron en Pontevedra a todos os galegos e as galegas á acudir ás urnas o próximo 9-X coa papeleta do BNG na man, para defender que Galiza teña voz propia no Parlamento Europeo. “A garantía de que Galiza estea representada en Bruxelas é o Bloque”, asegurou Pontón nun acto de campaña no que participou tamén o rexedor pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores.
O BNG, destacou Pontón, preséntase a estas eleccións co aval do traballo realizado durante os últimos anos nas institucións europeas, nas que a candidata nacionalista nestes comicios aspira a seguir representando tras o 9 de xuño “a voz dos galegos e as galegas que aspiran a ter acceso a unha vivenda” ou a da mocidade “que quere ser escoitada e ter un emprego digno”, exemplificou. O Bloque, engadiu a portavoz nacional, é a garantía da defensa en Europa dos sectores produtivos do País, do saneamento das rías e das “políticas que poñen no centro ás persoas”.
“Estas eleccións no van de Sánchez o Feijóo, non van de importar a Galiza a crispación madrileña. O que nos estamos a xogar no Parlamento Europeo é a vida dos galegos e as galegas”, subliñou, e por iso insistiu na chamada á mobilización e a acudir ás urnas “con orgullo e ilusión” pensando no País e na defensa dos seus intereses.
Ana Miranda, pola súa banda, defendeu tamén o papel do BNG para construír unha “Europa das persoas” e na que “Galiza conte”. “O BNG é a forza que garante que en Europa se fale dos problemas dos galegos e as galegas e das súas necesidades, de que o noso País sexa escoitado”, asegurou a cabeza de cartel.
Miranda reivindicou o modelo de Europa inclusiva que defende o Bloque, con políticas pensadas para que a xente poida vivir mellor, como as que está a aplicar Pontevedra. “Se hai unha cidade que pode presumir de usar ben os fondos europeos e de facer políticas pegadas á xente é Pontevedra”, sostivo.
O alcalde de Pontevedra, pola súa banda, fixo tamén unha chamada á cidadanía para que vote BNG o vindeiro 9 de xuño pois “temos que estar alí onde hai que defender os intereses dos galegos” e, nese sentido, o BNG e Ana Miranda son “a garantía” de que en Europa se vai falar dos problemas dos galegos.