A deputada afirmou que a nova Lei do Partido popular desgaleguiza a lexislación , desprotexe o patrimonio cultural e representa una política de defunción do noso patrimonio cultural. O Partido popular, dixo, ten unha concepción fosilizada do patrimonio.
A parlamentaria do BNG, Ana Pontón afirmou que a nova Lei de patrimonio cultural galego, que será aprobada en solitario polo Partido popular, desgaleguiza a lexislación, desprotexe o patrimonio cultural, representa una concepción fosilizada do noso patrimonio cultural e baleira as competencias da Xunta de Galiza.
A parlamentaria anunciou que na vindeira lexislatura, esta lei será derrogada para dar paso a unha lei adecuada aos tempos, consensuada co sector e dotada economicamente. A memoria que acompaña a nova Lei, explicou a nacionalista, é unha vergoña. Con 400.000 euros non se poderá aplicar anualmente a Lei para protexer o patrimonio.
O BNG rexeita a nova Lei do Partido popular que rebaixa a actual
Tras lamentar que o Partido popular rexeitara as emendas nacionalistas, Pontón fixo un chamamento ao grupo maioritario a reconsiderar que na actualidade, contemos cun marco legal aceptable e aprobado por unanimidade nesta Cámara. Agora o Partido popular avanza en solitario desfacendo os consensos construídos polo que anunciou o voto en contra do grupo do BNG ao texto lexislativo do PP.
Pontón insistiu en que a nova lei non conta co apoio da oposición nin co sector cultural que xa alertou dunha lei que da un paso atrás e non dota a Galiza de maiores recursos para protexer un patrimonio, rico, extenso e que neste momento, ten unha parte importante de destrución.
O BNG propón eliminar os privilexios da Igrexa católica
A deputada explicou non entender as razóns desta excepcionalidade sobre todo porque o modelo de conveniar coa Igrexa católica o réxime de protección, só serve para que a igrexa decida o uso da maior parte dos fondos e non a inversa, e dicir, que haxa unha corresponsabilidade social da Igrexa cos bens de interese para Galiza e o seu acceso. Dende o BNG, recalcou, propoñemos a "eliminación dos privilexios á Igrexa católica".
A deputada preguntou porqué non foi aceptada a emenda nº10 relativa á proxección exterior da Cultura e Patrimonio galego, a pesar de estar recollido na actual lexislación?. Tamén cremos, dixo, que a nova Lei desgaleguiza a actual lexislación ao eliminar os inventarios. O feito de que se incluirán bens de interese cultural, bens catalogados e bens inventariados respondían ás necesidades da protección patrimonial porque hai bens que dende o punto de vista enolóxico son relevantes pero que non contan coa catalogación BIC como os hórreos, petos de ánimas e outros elementos que deberían ter algún tipo de amparo.
Axilizar os trámites para a declaración BIC
Outro dos aspectos destacados pola nacionalista foi o referido á declaración de Bens de Interese cultural, da que dixo, temos un réxime demasiado estrito que require tres informes e prazos moi prolongados. Nós propoñemos que a Xunta teña a obriga de responder ante a desestimación dun Ben de Interese Cultural nun prazo de dous meses e que só sexa necesario un informe dunha institución que acredite que ese ben poda ser declarado BIC. Ademais, engadiu que cando sexa incoado un expediente non haxa que agardar tres anos para iniciar de novo o trámite, pedimos maior axilidade.
Pontón tamén rexeitou a disposición adicional pola que todos os Bens de Interese Cultural, se non comunican a Xunta as condicións é calendario á Xunta non poderán ter visitas públicas.
Arqueotecas para conservar e investigar bens arqueolóxicos
A parlamentaria sinalou a falta de rigor da nova lei sobre os réximes de control do patrimonio arqueolóxico que cualificou de disparate e contrarios ás convencións internacionais do patrimonio polo que propuxo crear arqueotecas para conservar e restaurar os bens arqueolóxicos.
O PP dificulta o labor dos traballador@s de patrimonio
Ana Pontón rematou a súa intervención lembrando o decreto que limita o período de actividade das persoas que traballan en restauración, posta en valor e investigación do patrimonio artístico. Cremos que é un erro esta limitación e non entendemos como por exemplo una persoas que fai unha escavación nun castro non se lle permite despois realizar visitas didácticas para explicar o traballo realizado. Hai unha demanda dos traballadores e traballadoras para salvagardar o seu traballo e nós agardamos que o Partido popular rectifique e incorpore a emenda do BNG para blindar que os traballadores e traballadoras podan ter unha intervención e non concibir que todo o que se fai en patrimonio é turismo porque iso é un paso atrás.