Pontón: "Feijoo deixa a Galiza onde só medrou o paro, a débeda e as desigualdades"

A portavoz parlamentaria acusa ao Presidente da Xunta de protagonizar un dos “períodos máis negros” da historia democrática galega e deixar a Galiza en recesión.

Ana Pontón acusou hoxe ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo de deixar a “Galiza con máis paro, menos servizos públicos, máis persoas sen ingresos e os sectores produtivos nunha situación límite”.

Na comparecencia ante os medios de comunicación para avaliar a xestión do Goberno galego, tralo anuncio do adianto eleitoral, a nacionalista afirmou que a solvencia dun goberno non se mide no déficit , “mídese na capacidade de xerar emprego, riqueza e benestar”, e dixo, que“Feijoo fracasou” e permanece instalado nun “triunfalismo estéril”.

A solvencia dun Goberno non se mide no déficit , mídese na capacidade de xerar emprego, riqueza e benestar

Pontón referiuse á economía galega da que destacou a súa “situación crítica” no agro, na pesca e o naval, “xa van tres trimestres de descenso” e acusou ao Núñez Feijoo de ser “incapaz” de facer fronte á crise económica, moi polo contrario, afirmou “tomou decisións que agravaron a situación”.

Neste sentido, para a deputada, o Presidente da Xunta aceptou un sistema de financiamento “inxusto e discriminatorio” , paralizou o concurso eólico, “ coa perda de miles de empregos” e foi “cómplice” da desaparición das caixas galegas como único instrumento financeiro propio.

Feijoo foi cómplice da desaparición das caixas galegas e impediu que foran investigadas

Pontón criticou que a pesar das promesas para investigar o acontecido nas caixas galegas, o Partido popular actuou de “tapón” para impedir que os galegos e galegas souberan a verdade.

Tres anos e medio de incumprimentos

A nacionalista tamén asegurou que Feijoo incumpriu as súas promesas electorais, “unha a unha”, como a de iniciar a recuperación económica e crear emprego, porque en realidade, dixo estamos en “recesión”.

Prometeu blindar os servizos públicos, “hoxe temos menos profesores, máis listas de espera e Galiza está a cola en atención á dependencia”, engadiu.

Para Pontón, Núñez Feijoo instalou un “neocaciquismo” co control férreo dos medios públicos de comunicación, convertendo ao Parlamento galego “nun apéndice” do Goberno e do PP.

Ataques á cultura e lingua galega

No balance da xestión política do Goberno dirixido por Núñez Feijoo, a nacionalista afirmou que por primeira vez na Historia da autonomía, un goberno prohibe o uso do galego en varias materias do ensino e mentres a nosa cultura esmorecía, “a Xunta destinaba miles de millóns ao Gaiás”, un proxecto, que naceu “fracaso” e que nesta lexislatura demostrou o seu “sinsentido”.

O BNG á altura das circunstancias

Ante esta realidade, manifestou o “BNG estivo ao lado do pobo, activo no Parlamento e coa sociedade”.

Pontón reiterou que a lexislatura, que agora remata, pasará á historia como un dos “períodos máis negros da etapa democrática” onde os recortes das liberdades, a destrución do tecido produtivo e o deterioro das condicións de vida dos traballadores e traballadoras, dos autónomos e sociedade galega en xeral, forman o groso do balance do Goberno presidido por Alberto Núñez Feijoo.

http://youtu.be/ujXqtTxHa2o

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG