A portavoz nacional, Ana Pontón, afirmou que as contas públicas de 2024 demostran que estamos ante un Goberno do PP “esgotado, incapaz de mellorar a vida das persoas nin de resolver os problemas do País” e mostrouse convencida de que estes son “os últimos orzamentos do PP e do señor Rueda antes de dar paso ao cambio galego que dende o BNG imos liderar”.
Pontón sinalou a lei de acompañamento “máis abusiva e fraudulenta da historia” como unha proba máis de que os populares están no tempo de desconto e queren deixar todo “atado e ben atado”. “Saben que o cambio galego está en marcha, imparable, e por iso pisan o acelerador do espolio en favor do lobby eléctrico, da privatización e dos recortes, con políticas que benefician a unha minoría fronte á maioría”, reprochou.
A líder nacionalista criticou no seu debate parlamentario unhas contas públicas trufadas de “electoralismo” por parte dun PP “desesperado por manterse no poder”. “Tan desesperado que o señor Rueda leva dous meses repartindo cheques como se pensara que pode comprar o voto dos galegos e as galegas e xa lle digo que non, que a xente deste País non se vende por un cheque”.
Incidiu en que os presupostos do PP non dan solucións aos verdadeiros problemas das familias, da xente moza e da clase traballadora.
“Non queren que o señor Rueda gaste os seus impostos en repartir cheques para comprar unhas deportivas ou para facer turismo, o que queren os galegos e as galegas é ter salarios dignos que lles permita pagarse as súas compras, o seu ocio e as súas vacacións”, recalcou, “queren poder chegar a fin de mes, con empregos estables e salarios decentes, servizos públicos de calidade, acceso á vivenda, que a mocidade non teña que emigrar e que as persoas maiores poidan desfrutar dunha vellez tranquila”.
“De verdade pensa o señor Rueda que a xente moza que non pode pagarse un aluguer e emanciparse ten algún interese no seus cheques para facer un cruceiro polo Mediterráneo?”, interpelou, denunciando a falta de respecto deste Executivo ante os problemas reais da maioría social.
Perda no medio rural, a industria e os servizos públicos
“Esa é a realidade do País que non se resolver con cheques electoralistas”, recriminou, para advertir a continuación que as contas públicas para 2024 que só valen para agudizar a crise demográfica, perpetuar o abandono do rural, seguir perdendo peso industrial, acelerar a depredación do territorio e o medio ambiente para favorecer ás grandes multinacionais, consolidar unha política fiscal inxusta que favorece aos máis ricos e seguir regando con cartos públicos tanto á sanidade e á educacións privadas, como ás residencias privadas da terceira idade.
Neste sentido, reprobou a un PP incapaz de construír un soa residencia pública en 14 anos, o mantemento do modelo privatizado co que multinacionais e fondos voitre fan caixa coa vellez, nuns orzamentos que tampouco reverten os recortes en Atención Primaria, pese a que Galiza está á cola en gasto por habitante.
“Desde 2009, recortaron 2.193 M€ en Atención Primaria e só para compensar o IPC, estes orzamentos deberían contar con 473 M€ para ter o mesmo orzamento real que nese exercicio 2009”, afondou, para acusar a continuación ao Executivo de Rueda de manter a precariedade e o abuso laboral na sanidade, anunciando prazas que non son novas, senón que estabilizan as que xa existen, e mantendo o plus de exclusividade a quen tamén traballa na privada.
Logo de advertir que estes presupostos tampouco contribuirán a reducir as longas listas de espera para afrontar “o drama da saúde mental”, Pontón puxo o foco na educación pública, que tampouco ve revertidos os recortes sufridos nos últimos anos, pero si ve como aumentan os fondos para os centros privados, con 325 M€, ao mesmo tempo que o PP conxela as bolsas universitarias en plena crise de prezos ou se nega a recuperar a gratuidade dos libros de texto.
Nin unha soa medida contra a inflación
A portavoz do Bloque centrouse no ámbito económico duns orzamentos nos que non se recollen nin unha soa medida contra a inflación para axudar ás familias, a isto sumou o desleixo aos sectores produtivos e que as contas non mudarán un mercado laboral lastrado pola temporalidade, a parcialidade e os baixos salarios, que perde poboación activa ocupada mentres se deixa sen executar 497 M€ só entre 2019 e 2020.
Criticou que estas contas manteñen a Galiza á cola en ciencia e innovación, non ofrecen “nada” á xuventude, facilitan a depredación do territorio e en materia de vivenda só ofrecen propaganda.
De igual xeito, recriminou á Xunta que teña “a cara dura” de anunciar que estes son os presupostos da débeda cero, logo de triplicar a débeda pública e situala nas cotas máis altas da historia, con 14.156 M€, o que supón 5.243 euros por habitante, e cando o pago da débeda aumentará en 2024 un 71%, a terceira partida de gasto máis alta.
Outra Galiza é posible: a alternativa do BNG
Pontón defendeu “outra Galiza posible” coas alternativas do BNG, que pasan polo desenvolvemento dunha política fiscal que cumpra o principio básico de que pague máis quen máis ten (o que achegaría uns ingresos adicionais de 209,5 M€) e a reorientación de 1.734 M€ do gasto.
As liñas estratéxicas do “goberno do cambio” que o BNG aspira a presidir, estrutúranse sobre catro grandes eixos: o reforzo dos servizos públicos e as políticas de igualdade; o avance en dereitos e na solidariedade nun momento de crise; o desenvolvemento dun novo modelo produtivo e a preservación do territorio e a loita contra o cambio climático.
Neste contexto, o Bloque recolle medidas como o reforzo con 250 M€ da Atención Primaria, 55 M€ para atender aos nenos e nenas con necesidades educativas especiais ou 90 M€ para poñer en marcha un novo modelo de residencias de xestión pública.
A isto suma, entre outras medidas, a posta en marcha dun Pacto galego galego pola ciencia dotado de 300 M€, un Plan Vida Digna, con 60 M€ que permita recuperar a tarxeta básica de alimentos e medicinas e unha renda galega de inserción laboral, 40 M€ para aumentar o tramo autonómico das pensións non contributivas, 1.050 euros máis ao ano fronte aos 14€ do PP, ou 25 M€ para bolsas anticrise para o curso escolar para as familias con rendas per cápita inferior a 12.000 euros/ano.
“Sei que o PP vai actuar coa súa habitual prepotencia e rexeitarán todas as propostas do BNG, pero os galegos e as galegas van ter a oportunidade de falar nas urnas moi pronto, e se me dan a súa confianza, prometo que como presidenta vou mellorar estes orzamentos para, a través deles, mellorar as súa vidas”, concluíu.