A portavoz nacional, Ana Pontón, considera un “exemplo de manual” da discriminación das forzas estatais con Galiza o eneísimo debate ao que asistimos estes días de precampaña sobre un novo retraso da chegada da alta velocidade, que outros territorios teñen desde fai décadas.
“Mostra como PP e PSOE pensa que os e as galegas somos parvas e poden seguir facendo promesas que incumpren sistematicamente, e mentres outros territorios levan 25 anos desfrutando do AVE aquí o que levamos son 25 anos de mentiras do PP e do PSOE”, denuncia Pontón.
“Co arranque de século, o PP prometeu que o AVE estaría no 2010, despois veu o PSOE e prometeu que estaría no 2011, despois retrasouno ao 2012, despois ao 2015, despois a 2016. Cambio de goberno no Estado (en 2011 Raxoi substitúe a Zapatero), volve o PP e o que nos anuncia son mais retrasos, esa vez que chegaría no 2018, logo en 2019. Temos outra vez cambio de goberno, fixa a data de chegada no 2019 pero estase acabando o tempo e de novo vemos que se repiten as mentiras do bipartidismo que o só demostran que se toman a pitorreo a este país”, denunciou.
Por iso, convidou Pontón, “o 10N temos a oportunidade de cambiar ese guión apostando por unha forza política como o BNG que ten as mans libres para defender os intereses de Galiza e reclamar respecto, porque xa está ben de que utilicen a Galiza unicamente para o seu pim-pam-pum electoralista. Co AVE constatamos que PP e PSOE son os responsables de todos os atrasos que leva esta infraestrutura no noso país”.
A líder nacionalista no só responsabiliza o PP e o PSOE de Madrid, tamén as súa sucursais galegas: “e quero lembrarlle a Feixóo que el mesmo prometera en 2009 que se o Estado non facía construiría el o AVE a Lugo para despois pasarlle a factura ao Goberno central. Seguimos esperando que se cumpran as promesas e este 10N temos que dicir que estamos cansadas de electoralismo, de que xoguen co futuro de Galiza apostando por unha forza política seria que ten os seus centros de decisión neste país para acabar con tanta discriminación e ninguneo”, concluíu desde Cambados onde visitou a adega Martín Codax.