A portavoz nacional e candidata do BNG, Ana Pontón, fixo este xoves un chamamento á “máxima mobilización” porque, asegurou, estamos diante das eleccións máis importantes dos últimos tempos e porque “hai partido” de cara a unha cita na o BNG é a única alternativa real ao PP.
“Hai partido e saímos a gañalo, saímos a por todas sabendo que o 18-F só hai dúas alternativas: un goberno do PP co candidato Rueda como presidente, o mesmo que nos deixa unha Galiza máis pequena e que é capaz de mentirlle á cidadanía ante un desastre ambiental ou un goberno liderado polo BNG, cunha presidenta preparada para poñer en marcha Galiza en grande e que sempre lle vai dicir a verdade aos galegos e ás galegas”, proclamou.
Diante dos case trescentos representantes do poder municipal do BNG que se reuniron este mércores en Santiago, Pontón asegurou que “hai unha maioría social que ten fame de cambio”, unha “gran corrente que non deixa de medrar” e que fai que “nunca tiveramos tan cerca a Presidencia da Xunta para transformar Galiza a mellor”. “Teño o absoluto convencemento de que imos derrotar ao PP”, afirmou.
É por iso que apelou a todos os representantes municipais a “redobrar esforzos” e, “coa mesma implicación, a mesma emoción e a mesma forza que se fosen unhas eleccións locais”, actuando como “unha soa voz que chegue a cada recuncho do País para explicar que hai outra Galiza posible da man do BNG”. Convidounos así a “chamar a cada porta e a falar con todo o mundo, con cada veciño e veciña” para convencer “a quen aínda teña dúbidas” de que o cambio “é imparable se saen a votar masivamente e enchen as urnas de papeletas do BNG, porque “somos a alternativa real e a única forza con capacidade para derrotar ao PP”.
A candidata do BNG dirixiuse a esa maioría social que quere cambio pero ten dúbidas pedíndolles a súa confianza, “que me dean a oportunidade de demostrarlles que estamos preparados e preparadas para darlle a Galiza o mellor goberno de todos os tempos”, declarou.
Comprometeuse, neste sentido, a liderar un goberno “que faga as cousas ben” e a ser “a presidenta que lles diga a verdade” fronte a un candidato do PP “que acaba de darnos un recital de mentiras, ocultación, manipulación e incompetencia”, un presidente que “xa ten os seus hilitos de plastilina” logo de chamarlle “boliñas de plástico” a nada máis e nada menos que 25 toneladas de pellets plásticos que contaminan as praias do País.
“Un presidente mídese cando hai problemas e vemos que Rueda está agochado nunha crise ambiental desta magnitude”, advertiu, ao tempo que denunciou que o Goberno do PP afronte esta catástrofe antepoñendo os seus “intereses electorais” e co mesmo manual que utilizou co Prestige: “Ocultar, mentir, minimizar o problema, manipular usando a TVG e botar balóns fora en lugar de achegar solucións”.
Apoio aos alcaldes e ao sector do mar
Pontón gabou o traballo dos alcaldes do BNG nos concellos afectados pola marea de plástico e aproveitou tamén para subliñar a resposta exemplar da cidadanía galega e trasladar o apoio do Bloque ao sector pesqueiro e marisqueiro, “que non pode pagar as consecuencias da neglixencia na xestión dos gobernos”, apuntou.
De novo, instou aos gobernos galego e do Estado a deixar de “tirarse os trastes” e a traballar para antepoñer os intereses dos galegos e as galegas ás súas loitas partidistas. “Estou segura de que esta última marea de ocultación, de mentiras, de incompetencia será derrotada das urnas, porque é un poderoso motivo máis para superar catorce anos dun Goberno do PP que deixa unha Galiza peor da que atopou e dar paso á Galiza mellor que como presidenta aspiro a construír”, destacou.
Pontón comprometeuse a liderar un goberno que traballe polo interese xeral, pensando en todos os galegos e as galegas “e non nos intereses dos lobbys enerxéticos”. A súa aspiración, dixo, é construír unha Galiza “produtiva na terra e no mar, con industria, que aposte pola ciencia e pola innovación” fronte á Galiza de “de salarios baixos e empregos precarios” que deixa o PP.
A candidata do BNG quere ser a presidenta dunha Galiza que coide do seu medio ambiente, na que a riqueza enerxética estea ao servizo dos traballadores, das familias e das empresas, unha Galiza que poña os coidados no centro, feminista, con igualdade e na que “cada quen ame e sexa quen queira ser”.
“Galiza merece un goberno que funcione, con ambición, con confianza e con orgullo do que somos, como País e como pobo. E quero ser a presidenta dese goberno, para colocar Galiza no lugar que lle corresponde: entre as nacións máis avanzadas do mundo”, concluíu a portavoz nacional.