municipais 2023

Pontón apela ao voto masivo para Lores para que Pontevedra siga avanzando como concello de referencia en todo o mundo

Pontevedra
Pontevedra

Miguel A. Fernández Lores pide o voto "a todas as persoa que lle queren a Pontevedra por enriba de intereses, afinidades, compadreos e siglas"

“Este 28M hai moito en xogo”, advirte a líder do BNG, en relación aos que queren reverter o modelo de éxito de Pontevedra

A portavoz nacional, Ana Pontón, compartiu acto electoral coa alcalde de Pontevedra e candidato á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores, para facer un ultimo chamamento a veciñanza a votar masivamente pola candidatura do BNG este 28M para ter a completa garantía de que a cidade vai seguir o seu camiño de avance, convertida nun referente de bo goberno dentro e fora de Galiza, fronte aos que queren facela retroceder. “Hai moito en xogo”, subliñou.

“A anterior Pontevedra era unha cidade que miraba con envexa ás demais urbes e quería copialas, hoxe é unha cidade con proxecto e modelo propio, envexado en medio mundo e máis que o pode ser no futuro, e o que está en xogo en Pontevedra este 28M é se se consolida e avanza este proxecto de calidade de vida, pensado por e para as persoas, que pon ás persoas no centro, no lugar máis destacado da política municipal”, alertou.

“Todos os demais, e cando digo todos quero dicir todos, o que propoñen é frear e reverter este modelo centrado nas persoas; as demais candidaturas, especialmente o PP, está convertendo esta campaña nun laboratorio de ensaio, dun experimento de derrubo dun modelo de éxito, admirado en todo o mundo, nun ensaio e experimento de dinamitado e volta atrás dun modelo avanzado, orixinal e xenuíno”, argumentou a líder do Bloque.

O Partido Popular, ironizou, “ten obsesión por frear os avances sociais e recortar os dereitos adquiridos e iso é o que quere facer en  Pontevedra,  frear os avances e volver atrás; o mesmo PP que leva dende o ano 2009 recortando na sanidade pública, con 2.339 M€ de recortes en Atención Primaria que paga a cidadanía coa súa saúde; é o mesmo PP do recorte nos dereitos dos traballadores e traballadoras, precarizando o emprego; o PP do recorte nas pensións e na atención ás persoas maiores”, enumerou.

En 14 anos non se construíu nin unha soa residencia pública en Galiza, alegou, e estamos tamén ante o PP que sempre estivo e está en contra de todos os avances das mulleres, “que obsesión por frear os dereitos e avances sociais!”.

Por iso, para evitar ese retroceso, esa volta a pasado, Pontón pediu o voto masivo para a candidatura que lidera Lores e o modelo municipal de éxito do BNG que transforma en positivo e mellora a vida das persoas.

Máis por vir

“Os veciños e veciñas que lle queren a Pontevedra deben ser conscientes de que o inimigo é poderoso e que a súa pretensión é frear e retroceder o brillante traballado feito en Pontevedra por Lores e o BNG; cada votante que quede na casa, cada voto a outras alternativas é un voto polo retroceso de Pontevedra,  por desfacer os avances e por evitar que siga avanzando. Estou convencida de que Pontevedra quere mirar cara o futuro, que quere avanzar, e que o próximo 28 de maio apoiará masivamente a Lores e ao BNG que propoñen máis por vir e avanzar”, concluíu.

Pola súa parte Lores destacou que o BNG ten demostrado ser a única garantía dun goberno que fixo o que prometeu e que nunca enganou aos votantes. “Eu nunca dixen o que non sentía nin no BNG prometemos o que non estábamos seguros de poder cumprir; así o fixemos até agora e así o faremos no futuro, mentres que os demais anegaron esta campaña de promesas e máis promesas, a inmensa maioría imposibles de cumprir”, argumentou.

Man tendida por Pontevedra

Aínda que as sensacións son positivas, Lores advertiu que “absolutamente nada está gañado, todo está por gañar e non se pode perder nin un voto das persoas que lle queren a Pontevedra, nin un”, enfatizou.

“Quero facer un chamamento ás persoas que lle queren a Pontevedra, que poñen o seu cariño a Pontevedra por enriba de intereses, de afinidades, de compadreos e de siglas: Ofrézolle coa man tendida un proxecto común e integrador para toda Pontevedra e quero que saiban que poden ter confianza que, entre todas e todos, lograremos os soños que ambicionamos para o noso futuro, para o noso por vir”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG