A portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Noia na manifestación contra o vertido de catro millóns m³ de augas residuais da mina de San Finx autorizado polo Goberno do PP, que pon en risco un dos ecosistemas máis ricos de Galiza e o futuro de 5.000 postos de traballo directos no marisqueo e na pesca de baixura na Ría de Muros-Noia.
“Estamos nesta mobilización ao lado de todas as familias que viven do mar na Ría de Muros-Noia, ao lado de toda a veciñanza desta comarca, para dicirlle ao Goberno do PP que basta xa de xogar co pan e co futuro da xente do mar, basta xa de colocar os intereses dunha multinacional que opera desde paraísos fiscais por riba dos intereses de miles de familias que viven da pesca e do marisqueo nesta Ría”, salientou a líder do BNG.
Pontón demandou ao Goberno de Rueda que rectifique a autorización dun vertido que é unha bomba ambiental de consecuencias desastrosas para toda unha comarca, pois o impacto afectaría á xente que vive do mar pero tamén a todos os sectores económicos da comarca que, directamente ou indirectamente, dependen da preservación do ecosistema da Ría Muros-Noia, como o sector da hostalería, restauración, comercio ou turismo.
Basta xa de xogar co pan da xente que traballa e vive do mar
“Nun lado da balanza temos 5.000 postos de traballo directos no marisqueo e na pesca de baixura vinculados ás confrarías de Noia, Porto do Son, Portosín e Muros, un ecosistema produtivo único e o futuro de toda unha comarca”, explicou Pontón, “do outro lado da balanza os intereses particulares dunha multinacional mineira australiana que opera desde paraísos fiscais, disposta a aproveitarse da nosa riqueza. E de que lado se pon o Goberno do PP? Unha vez máis en contra da maioría social, autorizando o vertido”, denunciou a portavoz nacionalista.
O vertido asinado polo Executivo de Rueda permite á multinacional australiana propietaria da mina de San Finx verter en dúas fases un total de catro millóns de metros cúbicos de auga contaminada con metais pesados ao río Pesqueiras, que desemboca na Ría de Muros-Noia.
“Unha vez máis o PP pon o interese particular dunha multinacional por riba do interese dos galegos e das galegas, dando luz verde a un vertido que supón unha ameza para o noso medio ambiente, para o noso mar e os produtos do noso mar, para cinco mil postos de traballo directos e o medio de vida dunha comarca enteira”, denunciou Pontón ao inicio dunha manifestación na que tamén participou a deputada da comarca e portavoz parlamentaria de Pesca, Rosana Pérez, e unha ampla representación de responsables locais e comarcais do BNG.
A riqueza do País, botín para multinacionais
“O Partido Popular está poñendo en risco o futuro de Galiza e por iso estamos hoxe aquí ao lado da xente mar, ao lado da veciñanza: para defender o seu dereito a vivir do seu traballo, para defender o coidado do noso medio ambiente, para defender que a riqueza natural de Galiza se poña ao servizo dos galegos e das galegas e non sexa un botín para que se forren catro multinacionais mentres deixen destrución e contaminación ao seu paso”, recalcou Pontón.
O BNG tamén demanda do Goberno da Xunta que tome medidas en relación ás dúas balsas de residuos mineiros colmatadas e en pésimo estado, que son un perigo ambiental que a empresa elude coa complicidade dun PP que non actúa. Un problema nesas balsas, como unha posible rotura dado o seu deterioro, tería consecuencias desastrosas sobre a Ría.
“Fronte a un PP empeñado en poñerse do lado de quen quere aproveitarse de Galiza, no BNG imos estar sempre na defensa dos intereses deste País e da súa xente”, concluíu Pontón.