A parlamentaria censurou os ataques do Partido popular contra o galego e pediu respecto para as persoas que reclaman outra política lingüística diferente
Pleno.- A deputada do BNG, Ana Pontón defendeu hoxe unha Moción con 30 medidas destinadas a protexer o uso da lingua galega ante a sangría de galegofalantes polas políticas linguicidas do Partido popular.
Durante a súa intervención, a parlamentaria amosou diversas imaxes da destrución de estatuas milenarias, a mans do Estado Islámico, no Museo de Mosul (Iraq), que provocou o rexeitamento unánime de todas aquelas persoas que valoran o patrimonio cultural. Aquí, dixo, non hai fotos que retraten o desastre porque a lingua non é como unha estatua que se rompe pero temos evidencias da destrución do galego e para iso só é necesario tentar vivir no noso idioma 24 horas e constatarán a súa ausencia no ensino, na sanidade, na xustiza e nos diferentes ámbitos da nosa vida cotiá.
A parlamentaria fixo referencia os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) dos que dixo, reflicten unha importante caída de galegofalantes. Na súa opinión, as políticas do Partido popular de ataque continuo á lingua galega están a provocar a diminución do seu uso polo que defendeu 30 medidas urxentes recollidas no propio Plan de Normalización Lingüística que a Xunta incumpre sistematicamente.
O PP, o único que rompeu o consenso lingüístico
Tras a intervención do portavoz do Partido popular , Agustin Baamonde que acusou ao BNG de romper o consenso en materia lingüística e pretender impoñer o galego, Ana Pontón lamentou que novamente, o Partido popular queira converter un debate serio, nun problema de caracterización do BNG. Vostedes, dixo, co seu autoritarismo son incapaces de entender o diferente e están en contra das miles de persoas que saíron a rúa recentemente para defender outra política lingüística.
A moción do BNG, remarcou, contén trinta medidas extraídas do Plan de Normalización Lingüística, votado neste Parlamento.
A Real Academia Galega, o Consello da Cultura galega, as organizacións sindicais, a comunidade educativa e miles de cidadáns na rúa piden a derrogación do Decreto, o consenso rompérono vostedes dinamitando o Plan Xeral aprobado por este Parlamento e os que defenden as políticas de imposición do castelán son vostedes, volveu dicir a deputada.
A enquisa do IGE afirma que un de cada cinco menores de 15 anos non sabe falar en galego e nós dende o BNG, manifestou, temos moi claro que o galego é un potencial enorme para este país e unha carta con dignidade no mundo. Un pobo que renega da súa lingua nunca será respectado e o PP segue facendo un gran dano utilizando un discurso falso e mentireiro para afirmar que o galego morre porque morre o rural, ese, concluíu é un prexuízo antigo e trasnoitado contra a nosa lingua.
O PP rexeitou a moción defendida pola deputada do BNG.