Pontevedra ou Santiago teñen 249 € menos de media que Madrid para financiar servizos da súa veciñanza

ANAPONTON REUNION CARGOS MUNICIPAIS BNG
Ana Pontón con alcaldesas e alcaldes do BNG
  • Ana Pontón: “O concerto económico acabaría coa discriminación dos concellos galegos que reciben 50€ menos por habitante ca media”

A portavoz nacional, Ana Pontón, sumou un novo argumento á defensa do concerto económico que propón o BNG nun encontro de traballo con alcaldes, alcaldesas e responsables municipais: Acabar coa discriminación que sofren os concellos galegos co actual modelo de financiamento aos que penaliza con 50,5€ menos por habitante ca media estatal. Anualmente, unha media de 116M€.

Os datos son “elocuentes”, subliñou Pontón, chamando a atención sobre o feito de que esa discriminación se dispara cando se trata das grandes cidades, que reciben de media 252€ por habitante, fronte aos 499 euros das principais cidades do Estado.

“A miña pregunta é moi clara: Por qué os alcaldes de Pontevedra ou Santiago teñen 249 euros menos que, por exemplo a alcaldesa de Madrid, a señora Carmena, para financiar os servizos que prestan aos seus veciños e veciñas? Por qué Pontevedra ou Santiago merecen menos recursos por habitante que Madrid ou outras grandes cidades do Estado?, pregunta Pontón.

A dirixente nacionalista demanda do presidente galego que explique a posición da Xunta. “Que vai facer para acabar con esta discriminación, porque é unha incógnita a posición de Feijóo que cando está en Cataluña di que é lóxico que teña un concerto económico, e en Madrid di que non. Empeñarse e poñer os intereses de Génova por diante dos de Galiza fainos perder 3.500M€ anuais e condúcenos á irrelevancia política”, criticou.

Neste sentido, Pontón ironizou sobre os argumentos do PP para avalar o peso político de Feijóo en Madrid.

Peso político medido en selfies

“Parece que se mide en función dos moitos selfies que se sacou no Congreso do PP, en cambio no BNG pensamos que o peso político habería que medilo en resultados prácticos para Galiza, e de momento o retorno deses selfies foi un portazo para a transferencia da AP9, un portazo para dar solucións ás preferentes e Galiza desaparecida do debate do sistema de financiamento.

O BNG vai trasladar o debate do futuro modelo de financiamento tamén aos concellos a través dunha moción en defensa do concerto económico, o único que daría a Galiza suficiencia financeira, avanzou Pontón, quen sintetizou os argumentos do Bloque.

“Apostamos polo concerto económico porque nós da o control total dos nosos cartos, aporta 3.500M€ adicionais cos que blindar os servizos públicos e o servizos sociais, porque nos permite aplicar unha fiscalidade xusta na que paguen máis os que máis teñen a través dunha Facenda galega e porque confiamos na capacidade de Galiza e non compramos a falsa idea de que vivimos da solidariedade do Estado”, concluíu.

Cifras oficiais

Coas cifras oficiais de 2014, -último exercicio fiscal liquidado-, Galiza aportou ao Estado vía impostos 11.131 M€, mentres este transferiu 7.043M co actual modelo de financiamento. Se tomamos como referencia os criterios de PIB e poboación que se lle aplican a Euskadi, -que ten concerto económico-, a achega galega ao Estado sería de 630M€, o que deixa un saldo de 3.458 millóns a favor de Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG