No canto de acometer medidas que resolvan os problemas de fondo, o Goberno do PP en Madrid e en Galiza seguen instalados nunha estratexia de propaganda que, segundo o portavoz nacional, Xavier Vence, ten como último exemplo o plan de emprego anunciado no pasado Consello da Xunta.
Esperábamos medidas de alcance para dinamizar a economía produtiva e xerar emprego, pero descubrimos que o anuncio de Feijóo consiste nun plan de cursos de formación para retirar da lista do paro rexistrado un certo número de persoas neste período electoral. Non é maquillando as cifras nin con medidas de camuflaxe como se solucionan os problemas de fondo, sentenciou o dirixente nacionalista.
A propaganda tamén pincha en relación a publicitada recuperación económica. Onte mesmo saían os datos da evolución da produción industrial, e Galiza volve encabezar a lista das autonómias que saen peor paradas, cunha caída da produción industrial que despois se traduce na perda de emprego que coñecemos, argumentou Vence, quen reclamou medidas concretas para activar a economía e os sectores produtivos, única forma para remotar a crise.
No acto de homenaxe a Castelao organizado polo BNG en Rianxo, Vence subliñou que neste contexto o pensamento do ilustre galeguista segue plenamente vixente nunha Galiza que sofre as políticas impostas de fora, que provocan a ruína e tamén porque continúa o ataque ao autogoberno desde Madrid.
Neste sentido, o BNG considera que o ciclo electoral que se abre en 2015 é a oportunidade para pasar páxina destas políticas do PP que destrozan a nosa capacidade produtiva e o benestar social ata un punto insoportable, alega o dirixente nacionalista, a ocasión para que a cidadanía diga non e provocar un punto de inflexión.
Durante o discurso ante o busto de Castelao en Rianxo, Vence subliñou que para o Bloque ese ciclo electoral inclúe tamén os comicios autonómicos de 2016. Este ano temos eleccións municipais e xerais, o ano próximo as autonómicas e temos moi en mente o ciclo completo porque para o BNG as tres citas son cruciais.
É máis, segundo o portavoz nacional, o Bloque encara ese ciclo co obxectivo de liderar a derrota do PP logrando unha avance do nacionalismo no primer chanzo das municipais de Maio, co fin de que nas xerais Galiza sega tendo unha forza política que a defenda en Madrid pero, moi en particular, coa vista posta nas autonómicas de 2016.
Redobrar a suma cas Asembleas Abertas
Nesa cita, dixo Vence, temos a obriga de derrotar ao PP e traballar coa ilusión de sermos a alternativa que lidere esa vitoria. Non vai ser fácil, pero debe ser a meta para o ciclo político que comeza coas municipais, explicou.
Acadar ese obxectivo require un esforzo redobrado de sumar, de aí que as Asembleas Abertas seguirán a ser unha plataforma vital para conectar e incorporar a todas as persoas que comparten un proxecto político transformador pensado desde este país, como xa demotra o Bloque desde os concellos nos que goberna.
Vence defendu un país con ensino público de calidade, onde a xente nova teña un horizonte laboral no agro, no mar, na industria, nos servizos, na investigación, un país con sanidade pública de calidade sen urxencias ateigadas, sen rutas do cancro, sen doentes de hepatite C implorando por un medicameto que lle salve a vida. En definitiva, unha Galiza con futuro no mundo como xa defendera Castelao fai décadas.