Plan de choque para salvar a educación pública con máis orzamento, profesorado e axudas ao alumnado

DSCN5237

O BNG considera que a situación do sistema educativo público en todos os niveis de ensino sofre “un proceso alarmante” de perda continuada da calidade e de privatización que está a pór “en perigo” as conquistas de décadas e augura unha sociedade “menos formada e cun maior incremento das desigualdades”.

Para enfrontar este proceso, o Bloque propón un plan de choque que sexa asumido como un “acordo de país”.

“Necesitamos un plan de choque no sector educativo para que Galiza non perda o paso e para evitar que a estratexia miope de recorte do PP e de Feijóo dea ao traste cun sistema educativo de calidade que ten que ser garantía de futuro”, propuxo o portavoz nacional, Xavier Vence. Ese plan de choque estaría articulado sobre dúas propostas: máis orzamento, -xa nas contas públicas de 2015-, e contratación do profesorado necesario en todos os niveis educativos con taxas de reposición do 100%.

Máis dotación para bolsas, aumentar os recursos para libros e comedores, reclamar as subvencións ilegalmente concedidas a centros que segregaban por sexos ou reducir os concertos son outras das medidas que debería incluír ese plan de choque, enumeradas polo dirixente nacionalista.

Vence argumentou con datos a diagnose que fai o Bloque da situación da educación pública.

Unha caída do 15% do orzamento en educación desde que goberna Feijóo, 3.000 profesores e profesoras menos, suprimíronse 63 unidades de formación profesional básica no ensino público mentres que aumentaron en 79 no ensino privado e concertado, precarízanse as condicións laborais do profesorado con menos salario, máis horas e máis estudantes por aula “incluso por riba da normativa”.

O portavoz nacional considerou especialmente grave a “brutal” redución da Consellería do número de prazas e de profesorado para atender aos nenos e nenas que teñen necesidades educativas específicas, “alumnado que precisa de persoal especializado do que non se lle dota aos centros”. Igualmente, denunciou a redución de prazas de orientación e os incumprimentos dos propios cadros de persoal publicados no DOG.

“A formación depende sobre todo da calidade e da especialización do profesorado, e non se logra esa calidade obrigando aos profesionais a dar materias afíns de xeito itinerante”, alegou Vence.

450 M€ para as universidades

O ensino universitario tamén sofre os recortes da Xunta, que debería negociar un plan de financiamento baixo a premisa de que as universidades son “un elemento estratéxico” para o país. Neste sentido, Vence propuxo que, cando menos, os recursos públicos que se aporten ás universidades galegas pase dos 400 aos 450 millóns de euros anuais.

Ademais da caída de profesorado, das bolsas para o alumnado e para a formación de docentes, da descapitalización da investigación coa perda continuada de persoal cualificado, Vence tamén denunciou “a política de intervención directa da Consellería nas decisións da universidade que anulan a súa autonomía”.

“É hora de pór freo á deriva de recortes e privatizadora do ensino público, porque a educación é un recurso estratéxico do país e unha conquista histórica”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG