"O peor do Goberno Feijóo non é só o que fixo, o peor é que non ten un plan B", afirma Jorquera

 

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, mantivo este luns un encontro co grupo parlamentar, co que analisou o desenvolvimento deste período de sesións e as liñas de traballo do curso político que se encetará após o verán.

Na conferencia de imprensa posterior ao encontro, na que compareceu con Ana Pontón, Jorquera cualificou ao Goberno Feijóo de "goberno esgotado, sen proxecto e sen impulso".

"O peor do Goberno Feijóo non é o que fixo, o peor é que non é capaz de facer outra cousa, o peor é que non ten plan B", dixo Jorquera.

Para o candidato nacionalista á presidencia do Goberno galego, durante este período de sesións ficou ben evidente que as únicas alternativas á desastrosa xestión do PP de Feijóo veñen da bancada parlamentar do BNG.

Durante este período de sesións ficou ben evidente que as únicas alternativas á desastrosa xestión do PP de Feijóo veñen da bancada do BNG.

Neste sentido, reivindicou ao BNG como única alternativa e presentou algunhas das actuacións no futuro, tanto no Parlamento galego como no Congreso, baseadas nos seguintes eixos:

-O cambio nas políticas económicas, para favorecer políticas de estímulo, o que pasa por unha reforma fiscal

-A defensa dunha banca pública como fórmula máis acaída fronte á inxusta “socialización” das perdas da grande banca que se está impoñendo

-A investigación tanto en Galiza como no Estado das prácticas do sistema financeiro

-A reforma do sistema de financiamento autonómico, que permita atender as necesidades do País

-Outro modelo de organización da administración, a través da supresión das Deputacións, que permita eliminar duplicidades e ao tempo facer fronte á ofensiva centralista do PP.

Pemex

A preguntas dos xornalistas sobre o acordo da Xunta con Pemex, Jorquera lamentou que Feijóo comece a “botar balóns fóra”  e instouno a que envíe sen máis demora o contrato coa petroleira ao Parlamento.

Non entrou a valorar a posíbel repercusión das elecións mexicanas no dito acordo pero si alertou sobre as declaracións de Feijoó no último consello da xunta, nas que derivaba a responsabilidade última de que o contrato saia adiante á capacidade competitiva dos asteleiros galegos.

“Semella que Feijóo xa está botando balóns fóra –insistiu-. Pois se quere demostrar a fiabilidade do contrato ten que facer chegar os termos do convenio ao Parlamento, tal e como lle ven reclamando o BNG”.

 Imposto á enfermidade

Pola súa parte, a voceira nacionalista na Cámara galega, Ana Pontón, concidiu con Jorquera en que urxen políticas alternativas como as que propón o BNG para facer fronte ao “goberno fracasado” do PP e á situación de “emerxencia social” na que está o País.

O copago dos medicamentos non vai resolver a crise, vai perxudicar sobre todo a quen máis precisa da solidariedade do sistema sanitario

Neste sentido, fixo especial fincapé, pola súa actualidade, na posta en marcha do “medicamentazo”, o“imposto á enfermidade”, que vai perxudicar, sobre todo, ás persoas que máis necesitan da solidariedade do sistema sanitario.

Para Ana Pontón, é “grotesco” que Feijóo se parabenice de que 116.000 persoa non van pagar os medicamentos cando si o van facer todas as demais e cando as pensións galegas, ademais, son as máis baixas do Estado.

A parlamentar cuestionou tamén por que se as contas galegas estaban cadradas e son as máis solventes, o goberno da Xunta non defendeu as súas competencias e impediu a aplicación desta “contrareforma”.

Comisión de Investigación

Finalmente, a voceira do grupo nacionalista lamentou a falta de coherencia de Feijóo sobre a comisión de investigación das caixas e advertiu que á vista do calendario todo fai sospeitar que se vai constituir a finais de Xullo, cando habería que creala xa e desenvolver os seus traballos durante este mes e o de Agosto, “ou acaso imos investigar cando xa non quede nada delas?”, ironizou.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG