Paz recoñece o "mérito" de Gallardón para poñer a todo o mundo en contra do taxazo xudicial

A deputada rexeitou a emenda do PP que defendía seguir mantendo as taxas e eliminar o dereito á tutela xudicial.

A portavoz de Xustiza do BNG, Tereixa Paz reclamou hoxe, a través dunha Proposición non de lei, rexeitar dende o Parlamento galego a lei que regula as taxas no ámbito da administración de Xustiza e do Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias forenses.

Paz afirmou que, o grande “mérito” do Ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón foi poñer a todo o mundo, “fiscais, xuíces, avogad@s, procurad@res, traballadores e traballadoras da administración de xustiza e cidadanía” contra as taxas xudiciais.

Taxas que merman a tutela xudicial

Na defensa da súa iniciativa, rexeitada cos votos do PP, na Comisión 1ª celebrada hoxe no Parlamento galego, a parlamentaria pediu a derrogación dunha lei que , “impón un modelo que só garante o dereito de tutela dos xulgados a persoas con recursos e exclúe dos tribunais aos que non teñen cartos”.

A nacionalista insistiu na necesidade de preservar os dereitos e intereses da cidadanía e rexeitar “a merma na tutela xudicial” das novas taxas e cualificou de “demagóxica” a emenda presentada e defendida pola deputada do Partido popular, Paula Prado que negou a falta da asistencia xurídica por falta de recursos e xustificou as taxas para “desatascar a vida xudicial”.

 

O PP utiliza as taxas para  eliminar o dereito á xustiza dos máis febles

A parlamentaria do BNG criticou as afirmación da deputada conservadora e puxo como exemplo unha familia cuns ingresos de 1.400 euros que ante un proceso ordinario debe abonar entre 4.000 e 5.000 euros se quere recuperar unha contía económica “seguramente inferior as taxas que debe pagar”.

Paz considerou que no caso exposto, “o dereito” desa familia non está garantido, “vostedes sempre viven en realidades paralelas”, e o peor, dixo, é que o Partido popular pretende ademais “criminalizar” ás persoas “máis febles”, xa o tentaron pechando o parlamento a todos os galegos e galegas e por riba, concluíu, pretenden aplicar unhas “taxas inxustas e discrimatorias” coa escusa de axilizar a xustiza.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG