Paz: “O culpable é quen prende lume pero hai políticas incendiarias do PP”

Tereixa Paz responde á Conselleira de Medio Rural

A deputada do BNG, Tereixa Paz acusou á Conselleira de Medio Rural  de “minimizar o problema dos incendios e buscar sempre culpábeis alleos á Xunta de Galiza”

Pleno-Tras a comparecencia da Conselleira de Medio Rural, Rosa Quíntana para informar dos incendios forestais durante o verán, a portavoz de Montes do BNG, Tereixa Paz afirmou que “o culpable e quen prende lume pero tamén hai políticas incendiarias” practicadas polo Partido popular.

Para a deputada nacionalista, hoxe a conselleira perdeu a oportunidade de responder a preguntas chave sobre políticas de incendios reducindo o problema dos lumes á “ladaiña dun problema de orde pública e existencia de incendiarios” cando en realidade, afirmou, desde que vostedes chegaron ao Goberno, cada ano “incrementase a superficie queimada”.

O PP segue instalado na propaganda e negando o drama dos incendios

A nacionalista preguntou porque este ano houbo tantos incendios decretados co nivel 1 que afectaron gravemente ás vivendas e aos bens de centos de veciñas e veciños en diferentes comarcas galegas, “vostedes, dixo, seguen na propaganda” e seguen sen explicar o acontecido durante o mes de agosto.

Tereixa Paz recoñeceu que a existencia da seca,o calor e o vento favoreceron os incendios e por primeira vez, o Partido popular recoñece que as condicións meteorolóxicas inflúen, “hai incendiarios, replicou, pero tamén hai o que vostedes practican que son as políticas incendiarias”.

A parlamentaria asegurou que o Partido popular négase a falar de modelo produtivo, de desorde en Galiza ou de políticas de xestión do monte e desenvolvemento rural e agraria, causas, ao seu xuízo, estruturais que provocan “o divorcio entre a veciñanza e o monte”.

Si analizamos os datos históricos dos incendios, explicou, demostran que nos lugares onde non hai actividade agraria nin humana é onde se producen e reiteran os incendios forestais.

Galiza gran prexudicada no deseño da forestal

A política forestal deseñada polo Goberno do Estado a mediados do século pasado, engadiu encamiñouse a repoboar Galiza e enchernos dunha política forestal orientada a favorecer os intereses das multinacionais españolas e a pasta de papel no pasado e agora á implantación dos cultivos enerxéticos de crecemento rápido.

“Un deseño político do que o Partido popular participa de maneira entusiasta” como demostra a Lei de Montes, para o Partido popular, “o monte non existe” para vostedes só existe o monte na súa vertente forestalista convertendo a Galiza nun auténtico polvorín.

 O PP rexeita as recomendacións dos expertos en políticas de xestión de montes

A parlamentaria acusou ao Partido popular de “autista político” por desprezar ás organizacións ecoloxistas, sindicalistas, expertos, “todo o mundo que lle está a dicir que a súa política é errada”.

Finalmente, Tereixa Paz agradeceu o labor dos integrantes do dispositivo de loita contra o lume pero criticou a tardanza da Xunta na súa posta en marcha ao igual que o publicitado “sistema escalonado” que motivou a insuficiencia de medios para atallar grandes incendios.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG