O paro suma en Galiza 8.724 dramas persoais máis, o goberno ten que recapacitar e rectificar

Jorquera lembra que a solvencia dun País mídese pola súa capacidade para dar traballo ás súas xentes e en Galiza, en Novembro, o paro xa supera as 276.000 persoas

O portavoz do G.P do BNG, Francisco Jorquera, afirmou en declaracións aos medios que a solvencia dun País se mide pola capacidade que ten en dar traballo ás súas xentes e asegurarlles unha vida digna pero os dados de paro coñecidos hoxe, cun incremento en Galiza de 8.724 persoas, demostran que se camiña no sentido contrario.

Jorquera, antes do Pleno de inicio da IX Lexislatura, preguntou a que agarda o goberno central e o da Xunta para “recapacitar”, “rectificar” e “abandonar” as políticas de recortes que “nos están abocando á ruína e a sumar 8.724 dramas persoais máis”.

“Ten que chegarse ao 100 por 100 do paro –engadiu- para que se aborde o necesario cambio radical nas políticas económicas do País e do Estado?”.

O portavoz parlamentar advertiu de que coas cifras coñecidas hoxe, Galiza xa supera as 276.000 persoas en paro e se sitúa na cuarta Comunidade do estado onde máis incremento se produciu no último mes, alén de sofrer a sangría da emigración, que non repercute nestas cifras.

 Sindicalistas absoltos

Jorquera aproveitou a súa intervención para amosar a satisfacción do BNG pola noticia da absolución dos tres sindicalistas en folga de fame, “unha demostración de que a presión social, a protesta e a loita acaban dando os seus froitos”.

Reforma educativa

A preguntas dos xornalistas sobre o novo borrador da reforma da Lei educativa, explicou que evidencia a obsesión “fanática” e “sectaria” do goberno central na súa loita contra as políticas de normalización lingüística que aplican outras comunidades autónomas, “non desgraciadamente Galiza, onde Feijóo, malia a sentenza do TSXG, empecínase en manter políticas agresivas co idioma”.

Para Jorquera, é unha reforma que conduce cara un modelo educativo segregador do ponto de vista social e moito máis centralista, outra demostración, ao seu entender, de que as políticas económicas ao servizo dunha minoría que practica o PP van acompañadas de recortes en dereitos sociais básicos como o dereito ao ensino.

O voceiro do grupo nacionalista lembrou que a educación ten, entre outras funcións, a de ser ferramente para remover diferencias sociais e ser chave no proceso de normalización nos países con idioma e cultura propios.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG