A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, congratúlase de que por fin hoxe o Parlamento Europeo dera luz verde a inclusión de Galiza no Corredor Atlántico de Redes Europeas de Transporte, tal e como foi aprobado na Comisión de Transporte do pasado 22 de novembro, xa que corrixe o erro dos gobernos galego e estatal. O seguinte paso será o tratamento deste tema nos trílogos, é dicir, na reunión que celebre a Comisión, o Consello e o Parlamento.
“Pese as carencias que presenta o informe noutros temas como a falla de aposta medio ambiental, esta é unha boa nova para Galiza”, destaca Ana Miranda, quen explica que esta inclusión significa asemade posibilitar a modernización da liña Porto-Vigo, tal e como xa reclamaba na emenda presentada polo BNG na Eurocámara xa no 2013.
Neste sentido, a eurodeputada do Bloque lembra que a inclusión das cidades galegas neste corredor transeuropeo é unha constante demanda do Bloque que mesmo acadou o respaldo da ALE (agrupación de partidos á que pertence o BNG), na súa asemblea xeral celebrada o pasado mes de abril.
Para a eurodeputada nacionalista “era un esquecemento terrible deixar unha cidade como Vigo fóra da rede europea con graves repercusións económicas”. Ao respecto sinala que desde que ela defendeu a inclusión de Vigo e A Coruña nesta rede no ano 2013, -na súa anterior etapa como eurodeputada-, o goberno do PP decidiu investir noutros territorios, mais non en Galiza, “deixando pasar moitas oportunidades que até agora foron oportunidades perdidas”.
Precisamente, tres das numerosas emendas presentadas no Parlamento Europeo para o período de financiamento 2014-2020 referíanse á inclusión do porto de Vigo na rede nodal de portos europeos, a modernización da liña Vigo-Porto e a inclusión do noso territorio ao Corredor Atlántico de transporte de mercadorías por ferrocarril