A parlamentaria e portavoz de educación do BNG, Olalla Rodil mostrouse hoxe moi crítica coa intervención da conselleira de Educación, Carme Pomar manifestando que a OPE para o 2019 “non aumenta profesorado nin a calidade do ensino”. Neste sentido, lembrou que son convocadas 1.788 prazas de acceso libre e para a promoción interna as prazas que non foron cubertas o ano pasado. Esta oferta, dixo, non cubre as expectativas da comunidade educativa, do alumnado e das necesidades do sistema educativo tras anos de políticas de recortes do Partido popular.
Neste sentido, reiterou que o aumento de profesores e profesoras é unha das principais necesidades como quedou de manifestou no comezo de curso nas localidades de Brión, Allariz, Ares, Ordes, Santiso, Portomarín, ou Santa Comba. Ademais, os recortes tamén deixaron centros sen programas de reforzo ou atención á diversidade
Desde o BNG defendemos e reclamamos que se reduza o horario lectivo do profesorado, volvendo á xornada de 18 hs en secundaria, FP e Ensinanzas de Réxime Especial e 21h en Infantil, Primaria e Educación Especial.
Por outra banda, insistiu na necesidade de reducir as ratios nas diferentes etapas educativas e nas aulas das grandes cidades porque o número de alumnos e alumnas, explicou, é un elemento clave na calidade educativa. Hai que dotar de profesorado de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe así como nos departamentos de orientación.
O BNG PIDE MÁIS APOIO PARA O ENSINO EN PORTUGUÉS
A única novidade da OPE, manifestou Rodil é a convocatoria de 4 prazas de Portugués para Secundaria, en consonancia coa resolución aprobada por unanimidade impulsada polo BNG no Parlamento galego o pasado mes de outubro, pero van case cinco anos da aprobación da Lei Paz Andrade e Galiza está aínda moi lonxe doutros territorios que teñen apostado por reforzar lazos coa Lusofonía”. No curso 2017-18 no noso país estudaron portugués, pouco máis de 3.200 alumnas/os en Primaria, Secundaria, Bacharelato e EOI mentres Extremadura, en só cinco anos, incrementou o 80% o seu alumnado de portugués con 19.000 alumnos e alumnas. Nesta ámbito , a deputada reclamou o compromiso da consellería para dar continuidade a convocatoria en vindeiras ofertas de traballo público porque “Galiza debe aproveitar os vínculos coa Lusofonía para situarse no seu espazo natural que abre enormes potencialidades: Lingüísticas, culturais, políticas e económicas”.
IGUALDADE, ASIGNATURA PENDENTE DO ENSINO
Na súa intervención, a nacionalista denunciou o incumprimento da Xunta de Galiza dun acordo impulsado polo BNG aprobado por unanimidade en novembro de 2017 para a incorporar unha materia específica en igualdade e prevención da violencia machista no Mestrado docente.
“Formar a quen educa resulta fundamental para avanzar na implantación da coeducación e no cumprimento da Lei de prevención e tratamento integral da violencia machista e a día de hoxe, a maioría dos centros de ensino non conta cun Plan de Igualdade, unha ferramenta indispensable para poder traballar de maneira planificada, organizada e eficaz”.
Rodil criticou os centros subvencionados que segregan por sexo dos que dixo, “a ninguén lle collería na cabeza separar aos nenos e nenas para comer” e si queremos avanzar en igualdade, debemos educar en igualdade.
Finalmente, a parlamentaria do BNG reclamou máis recursos humanos e económicos para o sistema universitario galego porque non se pode esixir a “excelencia” sin destinar recursos á universidade e un maior compromiso do Goberno galego coa normalización lingüística.