Olalla Rodil: “A prioridade do PP é rescatar á banca e as grandes construtoras e non as pensionistas”

Olalla Rodil
Olalla Rodil

A parlamentaria critica que o goberno destine  2.000 millóns de euros no rescate das radiais madrileñas fronte aos 1.000 millóns de euros para garantir a vida de 9 millóns de pensionistas

A viceportavoz do grupo parlamentario do BNG, Olalla Rodil valorou hoxe os Orzamentos do Estado dos que dixo, “son antisociais e unha burla” para os pensionistas que reclaman nas rúas unha subida digna.

A nacionalista afirmou que a prioridade do PP de Mariano Raxoi é “rescatar á Banca e  grandes construtoras e non as persoas pensionistas”. Neste sentido, explicou que recentemente o goberno de Mariano Raxoi anunciou que gastará “2.000 millóns de euros en rescatar as radiais madrileñas, dous mil millóns de euros para rescatar unhas autoestradas ruinosas propiedade da grande banca e de grandes empresas construtoras” e fronte a isto, o goberno do Partido popular  investirá 1.000 millóns de euros para  as pensións, e dicir  “ a metade do orzamento das radiais madrileñas”.

Para o BNG queda clara a prioridade do Partido popular, “rescatar a Banca e as grandes empresas construtoras antes que aos pensionistas”.

Sobre a suba do 1% e 3% anunciada polo goberno español, Olalla Rodil argumentou que en Galiza existen 40.000 persoas pensionistas  cunha pensión non contributiva  de 377 euros , e coa gran suba anunciada polo Partido popular, estas persoas cobrarán, no mellor dos casos, 11 euros ao mes, “é unha tomadura de pelo” e ademais non revolve o grave problema das pensións, tanto en Galiza como no resto do Estado porque non vai á esencia da cuestión que é “garantizar o sistema público de pensións”.

O BNG PROPÓN SUBIR 100 EUROS AO MES ÁS  NON CONTRIBUTIVAS

A deputada lembrou que o BNG propuxo en reiteradas ocasións a necesidade de mellorar as pensións non contributivas, proposta  que levará novamente  á vindeira sesión plenaria. Queremos, dixo, “incrementar as pensións non contributivas en cen euros ao mes” e para iso, só é preciso destinar “40 millóns de euros dun orzamento de máis de 9.000 M€”. Para acadar esta subida é “ necesaria a  vontade política de Alberto Núñez Feixóo”. Estes 100 euros ao mes, suporían, “un pouco de osixeno para persoas que se sitúan por debaixo do limiar da pobreza”.

INVESTIMENTOS QUE NON SE EXECUTAN

Por outra banda, Rodil tamén se referiu ás previsións de investimento do goberno central e lembrou que no ano 2017 produciuse un “recortazo de 440 Millóns de euros” ao que sumou o “baixo nivel de execución orzamentaria” que non chega, en moitos casos, ao 50%. No caso do AVE, engadiu, a baixa execución orzamentaria supuxo “unha perda de 900 millóns de euros” entre os anos 2015 e 2016.

A deputada recalcou que as contas presentadas polo goberno son “antisociais e unha burla para as persoas que levan semanas reclamando nas rúas unhas pensión que lles permita chegar a fin de mes”, e ante estas demandas, o Partido popular responde cun incremento que suporá, no mellor dos casos, 11 euros máis ao mes, concluíu.

 

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG