A deputada do BNG, Olalla Rodil reprobou a “vaguidade” e falta de compromisos do Partido popular na Comisión de Reactivación post-COVID, que se está a celebrar no Parlamento.
Para a deputada, as medidas recollidas na proposta do ditame representan “o preludio de novos recortes orzamentario” . É un ditame, “vago, inconcreto e inzado de declaracións de intencións” que non van máis alá do papel”, afirmou.
Xa máis no concreto, aseverou que a pesar de recoñecer o valor dos centros de día, “non hai ningún compromiso para incrementar o servizo” ao que case a metade da poboación de máis de 74 anos non ten practicamente acceso.
No ámbito da economía circular e o impulso a unha xestión “eficiente” dos residuos, non cuestiona o modelo de SOGAMA que só recicla o 15%.
O BNG defende 182 propostas contra ás consecuencias da pandemia
Desde que comezou a pandemia, explicou, a nacionalista, no BNG asumimos un compromiso coa sociedade galega, “ arrimar o ombreiro e poñer o mellor de nós para enfrontar a crise sanitaria, social e económica provocada pola Covid-19” e por iso achegamos unha proposta de ditame con máis de “182 propostas” coas que intentamos responder ás consecuencias da pandemia e problemas estruturais acelerados durante a crise sanitaria.
Unha lei de residencias para garantir o dereito a vellez
Neste ámbito, criticou que o Partido popular prefira defender o negocio dun “puñado de empresas “ a aprobar unha Lei de residencias que blinde o dereito a unha vellez digna.
Despois de todo o vivido, o PP non é quen de comprometerse a “investir o 25% do orzamento da Consellaría de Sanidade en Atención Primaria”, moitos discuros e aplausos pero “pouco recursos”, insistiu.
Ademais, criticou a postura do PP a respecto da ciencia e a investigación, falan de “Pacto galego pola ciencia pero néganse a asumir un investimento, progresivo, do 2,5% do PIB” e un programa de retención e captación de talento (Innogal) para poder contratar persoal.
Desde o BNG temos claro que unha das primeiras leccións que debemos sacar desta crise é a necesidade de “reforzar o público como garante de dereitos”.
Se algo deixou claro a pandemia, e iso non deberíamos esquecelo tan rápido, é que a intervención pública, é necesaria para isto, propoñemos crear ferramentas como un Instituto de Crédito cunha Banca Pública para garantir liquidez ás pequenas e medianas empresas; ao tecido produtivo do país e a sectores estratéxicos e de futuro.
Pero non, vostedes non aceptaron vincular as axudas públicas a cláusulas de compromiso de non deslocalización para que o financiamento público, as axudas públicas, e o diñeiro público obrigue a manter o centro de traballo en Galiza.
O PP quere resolver a crise facendo Reiki ou encoméndanse ao Apóstolo
A crise derivada da pandemia non se resolve facendo Reiki ou encomendándose ao Apóstolo. Enfróntanse politicamente con propostas políticas.
A respecto do denominado ‘Fondo de Consenso” para o BNG, é “cativo e insuficiente”. Reducindo a capacidade do Parlamento en materia de recuperación económica a 115 millóns de euros, constata que non hai vontade de levar a cabo medidas de calado” e o que nos propoñen é financiar os plans da Xunta”, deduciu.
Con todo, o BNG nunca se pon de perfil, remarcou a deputada e ademais das nosas propostas que as seguimos defendendo alí onde puidemos aproximar posturas e chegar a un acordo para mellorar servizos públicos e dereitos, fixémolo, como acontece co Servizo de Axuda no Fogar. Acordamos incrementar o orzamento que achega a Xunta aos concellos para o financiamento do servizo de 9,7euros a 11,5 co compromiso de chegar a 12€M€. Quen coñeza un pouco como funciona o SAF sabe que non é a panacea pero mellorará a situación tanto dos concellos como das traballadoras e nesta liña propuxemos un acordo para introducir cláusulas sociais e de igualdade nos pregos de licitación para que as empresas condenadas por vulnerar dereitos laborais das traballadoras non poidan concorrer a estes procesos.