Olalla Rodil: "É unha irresponsabilidade volver as aulas e obrigar aos centros a comprar material de protección"

Olalla Rodil
Olalla Rodil

O  BNG pide  rematar o curso  coa tele-docencia  e planificar o vindeiro curso en dialogo coa comunidade educativa

Rodil afirma que a volta ás aulas dos estudantes de 2ª de BACH e Formación profesional  non pode ser de carácter xeral e pide  non  responsabilizar aos centros  da compra de materiais de protección

O BNG reclama medidas para a conciliación que favorezan o teletraballo sen perda de salario a través dunha prestación social pública compensatoria

Ante a volta ás aulas do alumnado de alumnado de 2º de BACH e Formación Profesional, o vindeiro luns, a deputada e portavoz de Educación do BNG, Olalla Rodil afirma que o virus non desapareceu e resulta “unha irresponsabilidade” a volta xeral as aulas con carácter xeral  e que a Consellería responsabilice aos centros educativos da compra de materiais de protección.

Para a deputada do BNG, “o curso debe rematar coa tele-docencia”, agás aquelas excepcións nas que sexa  preciso reforzar a aprendizaxe do alumnado de maneira presencial, fundamentalmente entre o estudantado que irá á ABAU e sempre  garantindo  as condicións de seguridade e hixiénico-sanitarias que eviten calquera tipo de contaxio entre o persoal docente e o alumnado.

Ao seu xuízo, a  Xunta de Galiza e a Consellaría de Educación,  “deberían estar a planificar e deseñar, en diálogo permanente coa comunidade educativa, o curso 2020/2021”,  porque será un dos grandes retos ante un probable  rebrote da COVID-19 en outono e resultaría  “unha irresponsabilidade” comezar o curso sen as debidas garantías de protección e prevención. “Non só hai que reorganizar os centros, o profesorado e as aulas; tamén os servizos de transporte e os comedores escolares”.

O profesorado, explica a nacionalista,  fixo un gran esforzo ao longo destes meses sen recibir practicamente axuda da Consellaría de Educación para adaptarse á tele-docencia, para adaptar a programación e para manter o contacto co alumnado nunhas condicións moi precarias en canto á conexión a Internet.

Rodil reclama  á Xunta de Galiza e á Consellaría de Educación “prudencia e responsabilidade” e que  as condicións de seguridade hixiénico-sanitarias  non dependan dos centros  segundo  o protocolo presentado na Mesa sectorial para a  adquisición de material imprescindíbel como o xel hidroalcólico,  luvas, papeleiras de pedal, pantallas e  máscaras. 

“O mínimo que se pode exixir ao goberno galego nunha situación coma esta é que habilite unha partida orzamentaria extraordinaria na Consellaría para adquirir e subministrar o material que deben dispoñer os centros público, porque  isto non pode ser o sálvese quen poda”.

O BNG volve a pedir a Xunta “prudencia, previsión, planificación e responsabilidade”, na volta ás aulas o vindeiro luns, e advirte que nin os centros nin o persoal conta coas garantías de seguridade mínimas.

As présas son malas compañeiras e malia a mellora dos datos sanitarios en Galiza o virus non desapareceu, “é unha irresponsabilidade crer que todo volveu á normalidade”. De feito, algúns países europeos que decidiron apresuradamente reabrir tiveron que dar marcha atrás, en Galiza non pode acontecer iso. “Non se pode improvisar nestas circunstancias só porque o Partido Popular queira lanzar desde a Xunta unha idea de normalidade que non é tal. É unha temeridade”, recalca Rodil.

Medidas de conciliación

Para a nacionalista, as dificultades económicas e de conciliación xeran nas familias  unha situación cada vez  máis complexa a medida que se re-estableza a volta ao traballo presencial. Neste sentido,  o BNG reclama  á Xunta de Galiza  medidas que garantan o dereito a conciliar favorecendo o tele-traballo cando sexa posíbel, permitindo xornadas reducidas ou horarios intensivos sen perda de salario a través, da aprobación dunha prestación social pública compensatoria; creando servizos públicos novos e reforzando os xa existentes e medidas hixiénico-sanitarias, para garantir o dereito de conciliación.

“A conciliación e a co-responsabilidade son dúas das grandes materias pendentes” como denuncia  o movemento feminista e a  crise provocada pola COVID-19 fíxoo aínda máis evidente. “É urxente adoptar medidas que permitan conciliar a vida familiar e laboral no grave contexto provocado pola pandemia”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG