Ofensiva do BNG para transformar Novagalicia Banco nun Banco público galego

Jorquera afirma que a venda de Novagalicia Banco representa “o golpe de graza” á economía de Galiza e o espolio do aforro galego

Ante o anuncio da inminente venda de Novagalicia Banco, o portavoz do Grupo parlamentar do BNG, Francisco Jorquera asegurou que o Goberno central descarta a venda de Bankia porque a considera sistémica para España e sen embargo “non lle importa o espolio do aforro galego” coa venda de Novagalicia Banco.

Jorquera, que compareceu ante os medios de comunicación nun receso da Comisión de Investigación das Caixas que se celebra no Parlamento galego, lembrou que o BNG seguirá reclamando unha única solución “realista e viable” para evitar o espolio do aforro galego a través de cambios normativos que permitan a transformación de Novagalicia Banco nun banco público galego con vocación de permanencia.

Neste sentido, lembrou que esta proposta tamén foi defendida onte no transcurso da comisión de Investigación nas comparecencias dos representantes de todas as organizacións sindicais representativas de Galiza, “O BNG, afirmou, vai iniciar unha ofensiva para iniciar a transformación de Novagalicia Banco nun Banco Público galego e evitar o golpe de graza a nosa economía e ao futuro e benestar do noso país”.

O parlamentario criticou “o repliegue” do Goberno central ás manifestacións do presidente do BBVA, Banco Bilbao-Vizcaya Argentaria sobre a necesidade de vender as caixas intervidas a pesar dos graves prexuízos que esta operación producirá en Galiza, “o Goberno central, unha vez máis, dixo, corre a cumprir as ordes da Banca privada”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG