Tras escoitar as explicacións do titular de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, Presas replicoulle que estamos ante un plan “baseado en xeneralidades e promesas repetidas que non ofrecen garantía algunha de que este evento poida ser impulso da máis mínima transformación social”. En realidade, a deputada do BNG preguntouse onde estaba o plan, “porque isto non puido valer 66.000”, ironizou sobre o que definiu como “sumatorio de desideratums e propósitos difíciles de crer”, pero sen calendario de execución e sen concreción orzamentaria.
“Este mesmo plan é un recordatorio dos deberes que teñen por facer, senón cumpriron en dez anos porque imos confiar en que o fagan agora?”, interpelou Presas ao conselleiro. A portavoz parlamentaria de Turismo tamén foi moi crítica co feito de que o documento presentado pola Xunta fai referencia a problemas de calado pero sen aportar solucións, como a masificación ou a falta de inspeccións.
“Falan de sustentabilidade, pero non ofrecen alternativas para a xestión do lixo e a salvagarda do medio; falan de igualdade de xénero, pero nin sequera redactan un documento usando unha linguaxe integradora; diagnostican debilidades como a masificación ou a necesidade de reforzar a acción inspectora, pero sen poñer medidas sobre a mesa”, criticou.
Presas tamén fixo referencia “ás profundas diferencias de enfoque ideolóxico” que o BNG mantén co PP en relación a este plan, “pois non identifica Galiza como unha nación, non nos singulariza nun contexto globalizado, de feito veu a ministra Montoro a dicir que o camiño ía reforzar a marcha España e non dixeron nada”, recriminou. Igualmente, o Bloque bota en falta un apoio ás industrias culturais do país e que non se aproveite o Xacobeo para promover a lingua propia “máis aló dunha mención accesoria e mesturada co multilinguismo, de feito, a web deseñada ad hoc ten o plan que hoxe presenta no Parlamento colgado en castelán”, denunciou.
En definitiva, “unha oportunidade perdida porque a estratexia do plan Xacobeo non responde a unha diagnose profunda, nin é froito do diálogo e do consenso”, concluíu Presas.