A cabeza de lista do BNG ao Parlamento de Galiza por Ourense, Noa Presas, sinala a necesidade de que existan debates durante a campaña electoral para que a cidadanía poida contrastar os diferentes proxectos políticos que se presentan a estas eleccións. Neste sentido, denuncia o uso partidista e electoralista, que realiza o Partido Popular, da Xunta de Galiza e da CRTVG e defende a idea de levar a cabo debates sobre as propostas e medidas que cada organización política contempla para Ourense e, así, que a cidadanía teña as ferramentas e oportunidades necesarias para decidir o seu voto o 18-F.
“O dereito a que existan debates durante unha campaña é esencial e profundamente democrático. Os debates ofrecen á cidadanía a oportunidade de coñecer as visións e as propostas das diferentes formacións políticas e permiten tomar decisións informadas e contrastadas sobre a quen confiarán o mandato de representar os seus intereses” salienta a cabeza de lista do BNG por Ourense. De facto, Presas lembra que existiron debates nas pasadas eleccións ao Parlamento de Galiza e, mesmo, recentemente co gallo das eleccións municipais celebráronse un total de sete debates polas sete cidades galegas.
Un Partido Popular “dopado” que emprega a Xunta e os medios públicos
“Hoxe desde o BNG queremos denunciar que o Partido Popular usa a Xunta e os fondos públicos dos galegos e galegas para ir dopado a estas eleccións e impedir que se fale do importante, que son as propostas para que democraticamente a cidadanía exerza libremente o seu dereito a voto” enfatiza Presas. Sinala que o Partido Popular “está nervioso e fóra de control” sendo consciente de que “hai unha maioría social que pide cambio”.
Un Partido Popular, continúa Presas, que quere ir coas cartas marcadas a estas eleccións usando os recursos da Xunta ao seu favor. “Estamos diante dunha choiva de anuncios electoralistas, publicitando inexactitudes sobre o bono coidado que xa foron sinaladas polo propio Colexio de Traballo Social de Galiza e enviando cartas con mentiras aos nosos maiores sobre o transporte público” lembra. E, non conforme con iso, O PP está usando máis que nunca os medios públicos, a CRTVG, que pagamos todos e todas, como un voceiro do Partido Popular no que se oculta a oposición, se reproducen calumnias polas que outros estariamos nos tribunais e nos que como se todo isto fose pouco queren eliminarse debates.
Debate específico sobre Ourense
En opinión da cabeza de lista do BNG, a supresión dos debates provinciais é froito dunha decisión “partidista e interesada” e, por este motivo, sinala a necesidade de que exista un debate específico sobre os diferentes proxectos que se presentan pola circunscrición de Ourense. “É un aspecto fundamental para garantir que as preocupacións e aspiracións da cidadanía de Ourense sexan debidamente abordadas.” Subliña Presas.
No BNG, continúa a cabeza de lista, non temos medo a debater porque “temos un proxecto para impulsar este parte do País” e, nesta situación, fai un chamado a todos os actores involucrados no proceso electoral, desde os partidos políticos ata os medios de comunicación, para que se fomente e apoie a existencia de debates específicos sobre Ourense.
“Eu estou convencida de que se o PP non quere debate por circunscricións é pola mesma razón que puxo unhas eleccións no medio do Entroido: non quere que haxa campaña, non quere que haxa debates e non quere que haxa mobilizacións porque se sabe responsable da situación de Ourense e que Ourense vai ser unha praza decisiva para o cambio galego” sentenza Presas.