galegas 2024

Noa Presas: “Ourense merece os mesmos dereitos sanitarios que o resto. Non parches”

Ourense
Ourense

Fronte á incompetencia, a soberbia e a mala xestión do PP na Xunta de Galiza, Noa Presas sinala que a partir do 18F o “BNG demostrará que se poden facer as cousas mellor”

A organización nacionalista sitúa a sanidade pública como unha prioridade do futuro goberno galego liderado polo BNG comprometéndose a dotala de máis persoal sanitario e unha escoita activa

A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Galego por Ourense, Noa Presas, chama a maioría social preocupada pola sanidade de Ourense para que, a partir do 18-F, haxa un goberno galego liderado polo BNG que estableza un diálogo continuado co persoal sanitario –a través dunha mea de traballo- e se incrementen as prazas de persoal que compensen as dificultades de atención. Exemplifica no CHUO a discriminación a Ourense acometida pola Xunta de Galiza do PP nestes últimos anos que mesmo “non aposta por dar servizos de primeira”.

Noa Presas estivo acompañada por traballadoras e traballadores do CHUO diante do novo edificio de hospitalización denunciando a situación caótica que sofre a sanidade pública e, no concreto, o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e as novas instalacións da UCI. Así mesmo, a cabeza de lista estivo acompañada polo deputado provincial, Bernardo Varela, e o portavoz municipal do BNG, Luis Seara.

A marca do Plan Director: Plan Parche (PP)

A candidata sinala a incompetencia da Xunta en materia de infraestruturas exemplificándoo no Plan Director elaborado e executado polo PP que “consiste en parches e remendos”. “Temos exemplos de goteiras en días de choiva, de caídas de teitos do Hospital e un longo etcétera, así como unha política laboral que expulsa profesionais” denuncia Presas.

O último caso caótico do CHUO é a nova UCI. “Está comprometida a calidade asistencial”

“A última mostra de incompetencia e de soberbia do PP é o acontecido coa unidade de UCI que está a denunciar o persoal de enfermería e de TCAES. Esta é unha mostra máis de que o Partido Popular está incapacitado para seguir á fronte da Xunta de Galiza e que é necesario un cambio político” sentenza Noa Presas.

Neste sentido, a cabeza de lista lembra que se fixo un investimento para facer unha nova UCI mais “non se planificou ben e recórtanse prazas durante as obras”. Coa estrea da nova zona de UCI o que está a trasladar o persoal é que son ineficientes, que mesmo non se contou con eles para levar a cabo estas actuacións e que isto fai que hoxe haxa “graves problemas de seguridade: de seguridade laboral para eles e elas e tamén para os pacientes porque non hai un bo sistema de alertas, non hai unhas instalacións cómodas para atender os pacientes nin as instalacións domóticas”.

Máis persoal e máis diálogo a partir do 18-F

“Comprometémonos con, a partir do 18-F, poñer unha solución enriba da mesa en dúas vías: a primeira, é máis diálogo porque este Hospital necesita unha mesa de traballo co persoal para ver que cuestións se poden mellorar; e, no inmediato, é necesario reforzar o persoal porque tal e como nos están a dicir os profesionais” subliña Presas.

A cabeza de lista do BNG lembra que estes días os e as intensivistas denunciaban que un 90% fai máis de 48 horas de xornada laboral á semana. “Precísase un reforzo de persoal en todas as especialidades médicas” afirma.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG