Noa Presas: “Nos Orzamentos 2019 sobra retórica e falta credibilidade”

Noa Presas
Noa Presas

Critica unha contas  para o 2019 que incrementan a débeda pública, carecen de proxecto para impulsar a economía e manteñen unha  axenda neoliberal nos servizos públicos

Para a deputada do BNG, Noa Presas os  orzamentos do 2019  “carecen de credibilidade e sóbralles retórica”.

Trala comparecencia do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, a nacionalista respondeu que  as contas do Partido popular responden a “outra edición de Orzamentos de retórica camuflada con boas palabras e unha axenda neoliberal que continúa a agravar a desigualdade social”.

Afirmou que a “desigualdade e a pobreza” está a cronificarse e a fenda social foi agravada pola xestión do Partido popular no período de crise que deixou a Galiza, “nunha realidade laboral e social crítica e fráxil”. Pese  as súas promesas, dixo a deputada do BNG, “hoxe hai máis paro, menos emprego e de peor calidade” que antes da súa chegada á Xunta.

Por outra banda, recalcou que os galegos e as galegas están instalados na “precariedade e  con pensións e salarios que figuran entre os máis baixos do Estado”. Tampouco cesa a emigración: durante os seus gobernos tiveron que facer as maletas mais de 267.000 persoas, a inmensa maioría xente nova, que explica a aceleración dun declive demográfico que só pode ser solucionado con  políticas económicas ambiciosas.

TORMENTA PERFECTA

A parlamentaria  reiterou que na actualidade,  “Galiza é mais desigual e está  peor preparada para os próximos ciclos de recesión”. Na década de Feixóo, vostedes deixan máis sombras que luces e os novos orzamentos ofrecen “máis continuísmo, conformismo e retórica xunto a unha axenda ao ditado do capitalismo salvaxe.”

INGRESOS

Neste ámbito, explicou  que o  PIB medra en Galiza desde 2014 e preguntou como a pesar da recuperación económica  non hai un aumento maior e non superamos aínda o limiar dos 10 mil millóns.O problema de fondo, dixo,  segue a ser “o marco político e a nosa relación económica co Estado”.

Debullando os ingresos, constatase “o  fracaso do paradigma da austeridade e da recentralización” que non  serviu para saír da crise, porque a maioría da clase traballadora galega sigue apertando o cinto e vive peor . O paradigma da austeridade, remarcou a nacionalista, tenta xustificar un reparto inxusto do déficit, dun déficit que non causamos  os galegos e galegas, senón “os rescates á banca e a xestión da crise”. Coas cifras oficiais de 2014, -último exercicio fiscal liquidado-, Galiza achegou ao Estado vía impostos 11.131 M€, mentres que  transferiu pouco máis de 7.000M co actual modelo de financiamento. Se tomamos como referencia os criterios de PIB e poboación que se lle aplican a Euskadi, -que ten concerto económico-, a achega galega ao Estado sería de 630M€, o que deixa un saldo de 3.458 millóns a favor de Galiza.

A deputada tamén se referiu á política fiscal sobre a que un ano máis o Goberno galego presenta un proxecto que consolida “unha política impositiva” de carácter regresivo en contra os principios de “progresividade, redistribución e xustiza social”.

Presas mostrouse contraria a unhas contas que provocan perda de peso nos servicios públicos esencias como a sanidade e o ensino que experimentan incrementos menores á media e non  reverten os fortes recortes da última década  en persoal sanitario e profesorado.

Na súa intervención, a deputada tamén criticou a baixa execución dos orzamentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria e como exemplo nomeou o Plan Galego de I+D+i. “Os orzamentos din unha cousa no papel que non nos convencen porque o resultado final é sempre peor”.

DÉBEDA VIVA

Finalmente, Presas tamén se referiu ao incremento da débeda porque, a  pesar de que o goberno estima que a ratio débeda/PIB reducirase no 2019, o certo é que a débeda segue a incrementarse no quinto ano consecutivo de crecemento económico e, sumando as colaboracións público privadas que nos hipotecan ata 2040, “a finais do ano 2019, Galiza estará endebedada en 14.111,4 millóns de euros” e preguntou ao conselleiro  para que endebeda a Galiza, cantos anos imos ter que pagar o aumento desta débeda? Cando deixou de ser sostible e  cal é realmente a letra pequena?, concluíu

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG