Tras a comparecencia da secretaria xeral de Política de Igualdade, Susana López Abella para informar sobre a situación da violencia de xénero, a deputada do BNG, Noa Presas referiuse á violencia machista como o “debate máis importante colocado polo feminismo na palestra pública” e un dos retos urxentes que teñen as institucións de maneira inmediata.
DE SEGUIR OS CONSELLOS DA XUNTA EU HOXE NON ESTARÍA AQUÍ
Na súa intervención, criticou o Decálogo contra a violencia sexual que cualificou de “paternalista e penalizador" da actitude das mulleres e recalcou que “as mulleres non queremos consellos do Goberno, queremos medidas reais para non ser agredidas”. Entre as recomendacións, dixo figuran algunhas como: “Se camiñas o queres facer exercicio debes facelo por zonas con xente, no coche evita os estacionamentos e garaxes mal iluminados, etc.” Eu, explicou, a nacionalista “si decidira seguir este decálogo, hoxe non estaría nesta comisión porque non podería saír da miña casa á hora que tiven que facelo, camiñar polas rúas que tiven que percorrer e recoller o meu coche onde estaba estacionado”.
Sobre a campaña contra as agresión sexuais explicou conteñen mensaxes dirixidas aos agresores pero ao seu entender, hai que acentuar esta liña. A Xunta debe desenvolver máis campañas “focalizadas nos agresores” e lembrou que o propio Goberno central se viu obrigado a retirar unha recente campaña dunha coñecida marca comercial por un enfoque inadecuado.
LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO DENDE O ENSINO
O ensino, remarcou Presas, resulta clave para loitar contra a violencia sexual, polo que pediu reforzar os plans Proxecta, impulsar os debates sobre o consentimento e a concienciación contra a violencia sexual.
Noutra orde de cousas, se referiu ao Pacto de estado e dotación económica así como a necesidade dunha avaliación dos recursos económicos para comprobar a súa eficacia. Neste ámbito reclamou dentro das negociacións bilaterais co Estado “a revisión dos criterios” para os concellos porque Galiza sae penalizada nas axudas.
Sobre os medios de comunicación insistiu en que hai que poñer en valor a Declaración de Compostela e atender, baixo unha perspectiva de xénero, as campañas publicitarias nas que as mulleres son cousificadas e utilizadas como reclamos.
A deputada criticou que López Abella obviara a importancia dos CIMs (Centros de Información á Muller) nos que continúan pendentes algúns aspectos como a asunción das competencias LGBTI ou a atención psicolóxica de maneira profesionalizada. Ademais pediu á secretaria de Igualdade máis información sobre as liñas do novo convenio co colexio de traballadores e traballadoras para o ano a2019.
Presas reiterou que “a violencia sexual é unha violencia máis”, como recolle o propio informe e aínda que considerou positiva esta condición, apelou a seguir traballando para que o Goberno español a asuma na súa definición de violencia machista. As conclusións do informe, explicou responden a un estudo de ámbito estatal e nese sentido propuxo cara o futuro, que a Xunta de Galiza “impulse estudos non só cuantitativos senón tamén de tipo cualitativos”.