A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, aposta no Macizo Central por abrir un tempo novo o vindeiro 18-F tamén no eido sanitario e propón un Plan de Reforzo para a Atención Primaria para garantir a atención de profesionais nos centros de saúde como o de Castro Caldelas. A organización nacionalista sinala a necesidade de rematar coa política de recortes do Partido Popular na sanidade pública e comprométese a asegurar máis persoal e unha política de contratación atraínte para o futuro persoal sanitario nas comarcas do interior de Ourense.
A cabeza de lista visita a vila o Punto de Atención Continuada e o Centro de Saúde de Castro Caldelas acompañada polo portavoz do BNG na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, e os alcaldes dos concellos da Teixeira e Montederramo. No concreto, Presas visita este centro para denunciar a situación de desmantelamento da sanidade pública no Macizo Central e a falta de planificación por parte da Xunta de Galiza en materia sanitaria.
“O Macizo Central é un claro exemplo da política contraria á sanidade pública e próxima que aplica o Partido Popular en Atención Primaria” sinala a cabeza de lista. “Nesta parte de Ourense vemos como, recorrentemente, como ante a falta dalgún profesional sanitario-por motivos persoais ou de saúde- non se cobren esas substitucións e, de feito, mesmo se obrigan a outras profesionais doutros Centros de Saúde do Macizo a desprazarse cara este centro de Castro Caldelas” denuncia. Presas reclama que desde a Xunta se faga outra planificación para contar con persoal de relevo e que se garanta á poboación do Macizo Central “unha Atención Sanitaria de primeira”.
“Se queremos fixar poboación temos que darlle á veciñanza os mesmos dereitos que teñen os galegos e galegas noutras partes do País. Sen discriminación” aclara Presas. Neste sentido avanza a necesidade de reverter os recortes levados a cabo polo Partido Popular na Xunta de Galiza na sanidade pública, “a política de maltrato ao persoal e priorizar, con incentivos, a localización de profesionais nestas partes do País”.
A partir do 18-F, o Bloque Nacionalista Galego comprométese a “unha política sanitaria de primeira” e compensar os recortes dos últimos anos feitos polo PP á fronte da Consellería de Sanidade. “Queremos conseguir que calquera ourensán ou ourensá teña os mesmos dereitos sanitarios que outras persoas que viven noutras partes do País. Entendemos que a veciñanza do Macizo Central merece unha atención de primeira e terana a partir do 18F con Ana Pontón como Presidenta da Xunta de Galiza” afirma a cabeza de lista do BNG.