Noa Presas: “A folga do 8 de marzo non é unha folga máis, abrangue o ámbito laboral, coidados e consumo”

Noa Presas
Noa Presas

Pide o apoio de todas as forzas parlamentarias á folga  contra a precariedade laboral feminina e a violencia machista

A deputada do BNG, Noa Presas pediu hoxe, a través dunha proposición non de lei, sumar todas as voces do Parlamento galego a favor da convocatoria de folga das mulleres o vindeiro 8 de marzo.

A deputada insistiu en que as mulleres son as máis prexudicadas no mercado  laboral e denunciou a consolidación do “espellismo da igualdade” así como  o lavado de cara dos responsables políticos con  “meras declaración de intencións cada 8 de marzo”. Este ano, dixo, as galegas imos dar un golpe na mesa e liderar unha conmemoración diferente, “transformadora e que marcará un punto de inflexión.”

A folga das mulleres do 8 de marzo é produto “dun esforzo colectivo” que terá en Galiza un “carácter excepcional”.

Na súa intervención, Presas tamén  lembrou a todas as mulleres asasinadas no mundo e recalcou que “as nosas vidas son o motivo máis importante para movernos, non só porque nos queremos vivas, tamén exiximos outra vida”. Non aceptaremos  “novas formas de opresión disfrazadas, a misoxinia, e precariedade laboral consolidada pola crise económica”.

Neste momento histórico, as mulleres galegas temos a responsabilidade de “quitar a carauta da pseudoigualdade” e actuar para combater as  discriminacións que vivimos só polo feito de ser mulleres.

Insistimos, remarcou Presas, “sobran os motivos” para secundar a folga  e dende o BNG seguiremos denunciando calquera discriminación contra as mulleres. O día 8 sairemos a rúa  contra as diferencias salariais, a precariedade laboral, a violencia machista pero tamén faremos “folga de coidados” porque unha  parte fundamental dos procesos que sosteñen a sociedade teñen lugar nos nosos fogares. “Maioritariamente sobre as costas das mulleres”: Nais, avoas, fillas, coidadoras cun traballo que ninguén computa nin remunera.

“22.500 mulleres galegas afirman traballar a tempo parcial para o coidado de menores, dependentes e outras obrigas familiares, fronte a   1.100 homes ”.

A pesares de que o módulo de “coidado de fillos e relación laboral” da EPA so se introduciu no 2010, os datos dan unha clara idea das enormes diferenzas existentes entre sexos mundo laboral cando hai que compaxinar  co coidado das crianzas, manifestou a nacionalista.

Estes datos mostran que a elección da vida familiar sobre a profesional, ven condicionada en gran parte pola falta de servizos e precarización da situación económica, que  afecta  ás mulleres. “Unha situación que as políticas do PP favorece”.

UNHA FOLGA CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

Finalmente, Noa Presas afirmou que a folga pretende poñer tamén o acento na loita por unhas vidas sen violencias. Porque non é tarefa só do 25 de novembro senón dos 365 días do ano. Porque non queremos vivir nun país no que unha estudante de Fotografía de Santiago, Jessyca Ocampo, faga un “Mapa do Medo”  e teñamos que decatarnos do “normalizada e invisibilizada” que está a violencia sexual.

Segundo o Ministerio de Interior, de xaneiro a setembro de 2017, denunciáronse 36 agresións sexuais con penetración e 36 violacións denunciadas en 9 meses, estes datos confirman  unha violación á semana, ás que debemos sumar as que  fican en silencio, concluíu.

A portavoz do Partido popular, Paula Prado o voto en contra á iniciativa defendida pola deputada do BNG, Noa Presas.

 

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG