Noa Presas denuncia na Cámara galega a saturación das urxencias hospitalarias de Ourense

Noa Presas
Noa Presas
Lamentou que o conselleiro de sanidade negue esta realidade e lembrou que todos os martes os profesionais manteñen unha mobilización  para demandar máis persoal e melloras no servizo

A deputada do BNG, Noa Presas afirmou que para favorecer á sanidade pública é necesario asumir os erros. Neste sentido, convidou ao conselleiro de sanidade a que “escoite ás e aos profesionais e un compromiso con prazos e números para corrixir o colapso das urxencias hospitalarias en Ourense” porque dende o  mes de setembro os profesionais veñen demandando medidas contra a saturación en urxencias pola falta de persoal, a demora de citas en atención especializada, a saturación da Atención primaria e as propias características dunha poboación moi avellentada que precisa de maneira recorrente atención neste servizo.

Por outra parte, asegurou que  tamén existe unha mala organización dun espazo pequeno tras unha reforma que non respondeu as esixencias da atención. Día tras día, recalcou a nacionalista “hai ducias de doentes nos corredores en padiolas agardando por un lugar”, e a realidade é esta non da que nos quere convencer o goberno.

Tras a resposta do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña que negou a situación narrada pola deputada do BNG, Noa Presas replicou ironicamente que todos e todas as profesionais maniféstanse todos os martes nas portas de urxencias  do hospital porque “non teñen nada mellor que facer” así como as traballadoras da limpeza que xa anunciaron unha folga polo incumprimento dos acordos do convenio,  tamén o van facer “por vicio”, e  cidadanía de Valdeorras mobilizada reclamando calidade sanitaria, tamén “é vicio”, e os traballadores e traballadoras da seguridade privada dos hospitais de Verín e Valdeorras que piden que lles paguen polo seu traballo,  “tamén reclaman  por vicio”. Este é “o modelo do Partido popular”.

Vostede, dixo a nacionalista sabe igual ca min  que o reforzo é “insuficiente” e un persoal  esgotado o único que están a pedir é  sentarse coa administración  a traballar para  acadar  as melloras necesarias co fin de rematar   cos problema derivados dun espazo limitado. Sabemos,  que non se pode resolver este tema de un día para outro pero si hai doentes saturando os pásallos e son habilitadas salas, esta medida precisa “reforzar máis persoal”. Si os desprazamentos en ambulancia requiren máis tempo, tamén é necesario máis persoal e precisamente estas son as demandas dos traballadores e traballadoras.

Durante a súa intervención, Noa Presas amosou varias fotografías de mobilizacións recentes nas que se podía ler “a nosa vocación non significa explotación”, “a solución, contratación”, “pola dignidade e integridade dos pacientes en urxencias”, “Ourense non merece un hospital de campaña” e pediu ao conselleiro respecto polas e polos profesionais que manteñen abertos os servizos, a pesar das dificultades, precariedade e falta de respostas por parte da consellería de Sanidade.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG