A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, presenta nun acto as propostas de goberno en material laboral entre as que destaca a creación dunha Mesa pola Industria, específica para Ourense, e comprométese a reverter a precarización dos servizos. Noa Presas destaca o Pacto pola Ciencia que impulsará desde o goberno galego o BNG , así como o incremento do investimento en I+D que cree postos de traballo e condicións laborais dignas para a clase traballadora galega.
Fronte ao “modelo de precariedade”, con salarios baixos e peores condicións de traballo, que deixa o PP, a cabeza de lista do BNG avanza o compromiso e aposta do BNG para acadar calidade no emprego e unha economía baseada na ciencia e na innovación, na que os mozos e as mozas non se vexan obrigados a emigrar porque aquí non teñen oportunidades. Unha economía na que, destacou, a industria teña peso e Galiza sexa capaz de atraer investimentos para crear riqueza e un futuro mellor.
“Este 18F xogámonos o futuro de Ourense e o futuro de Galiza, tamén como clase traballadora. Porque a única forza política capaz de impulsar a transformación social e económica que precisa e merece este País e, sobre todo, Ourense” destaca Presas. Neste sentido, chama a concentrar o voto da clase traballadora galega na papeleta do BNG este vindeiro 18-F como o único “garante para a mellora das condicións de traballo e o desenvolvemento socioeconómico”.
Plan de reindustrialización e Mesa pola Industria
Presas anunciou que o Goberno liderado polo BNG porá en marcha un plan para a reindustrialización nunha aposta decidida pola ciencia e a tecnoloxía. “Un país sen industria está condenado a ser mero consumidor do que producen outros e carece de futuro”, asegurou no encontro.
Así mesmo, o BNG propón o Plan e Fomento da Actividade Tecnolóxica e Industria que ten por obxectivo aumentar en seis puntos o peso da industria no PIB, até chegar ao 23%, e crear doce mil empregos no período 2024-2030. Trátase dun plan enfocado a pequenas e medianas empresas (PEMES) con proxectos a longo prazo e que sexan capaces de establecer redes de cooperación con outras empresas locais e con capacidade de internacionalización.
Por outra parte, Presas asegurou a creación dunha Mesa pola Industria co obxectivo de desenvolver todas as infraestruturas pendentes e aumentar o chan industrial, impulsando polígonos pendentes como o de Tamagos. “É precisa unha estratexia específica de reindustrialización que aproveite o potencial existente en sectores como a automoción e que aposte pola modernización e o fomento de sectores punteiros como o da lousa” afirma.
O Innogal e o Pacto pola Ciencia
Ademais deste plan, o programa nacionalista inclúe outras medidas estratéxicas para reindustrializar Galiza, como a creación do Innogal, un instituto público similar ao Icrea catalán ou o Ikerbasque destinado a reter talento científico e promover a I+D+i. Presas considerou clave a posta en marcha deste organismo porque, destacou, “non queremos competir con baixos salarios senón con coñecemento, poñendo a Galiza á vangarda en ciencia e en investigación”.
Así mesmo, Presas destacou a necesidade de incrementar o investimento en ciencia I+D de maneira progresiva até o 3% do PIB en 2030. “Queremos asegurar a definición da carreira profesional investigadora para todo o persoal científico-técnico que desenvolve a súa actividade nos centros de investigación e prestación de servizos tecnolóxicos” asevera a cabeza de lista por Ourense.