A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, mantén un encontro coa veciñanza de Verín acompañada polos tamén candidatos, Diego Lourenzo e Secundino Fernández. Presas chama a concentrar o voto no BNG “das persoas que queren un Ourense e un medio rural vivo” como garantía para o cambio galego, coa mellora dos servizos públicos e o impulso os sectores produtivos estratéxicos para comarcas como a de Monterrei. Ve nestas eleccións unha oportunidade histórica, engade, sobre todo para as comarcas que teñen visto nestes 14 anos “como o Partido Popular discriminou Ourense e foi deixando atrás numerosos servizos que eran esenciais. Por iso se hai unha parte do país que precisa un cambio político é Ourense”.
“Quero animar a todas esas persoas da bisbarra da comarca de Monterrei a que confíen no BNG. As que están dubidando e lles doe a situación na que está Ourense, que confíen e concentren o voto na papeleta do BNG, porque a partir do 18 de febreiro teremos un goberno coas mans libres cunha presidenta a favor de Galiza e a favor de Ourense que porá en marcha cuestións absolutamente esenciais e débedas históricas como as que vemos nos servizos públicos de Verín” asegura a cabeza de lista.
Servizos públicos e asentamento de poboación no rural
“Se queremos fixar poboación no rural, temos que despregar unha política pública efectiva que garanta a atención sanitaria dos máis pequenos até os máis maiores. Tamén cunha nova escola infantil que tanto demanda a veciñanza de Verín e a comarca. Dotaremos Verín dunha escola infantil pública construída desde o orzamento da Xunta de Galiza e con xestión pública, porque non é admisible que sexa a única capital de comarca que non teña un servizo destas características” avanza Presas. “Galiza, Ourense e Monterrei non merecen un goberno galego que lles minta” sinala Presas en referencia ao anuncia “electoralista” do Conselleiro de Sanidade sobre os catro novos pediatras.
Por outra parte, Presas engade o compromiso do BNG por un medio rural vivo e garantir o relevo xeracional nos nosos sectores produtivos, a través dun plan de incorporación da mocidade á actividade agraria. Mais, de forma paralela, Presas sinala a proposta para crear medidas de apoio ás actividades económicas non agrarias que se asenten nas zonas do rural como método para fixar e atraer poboación. “O Ticket rural establece unha axuda económica de entre 10.000 a 15.000 €/ano a proxectos que se asenten no medio rural, durante os 5 primeiros anos “ asevera Presas.
Lei Galega do Viño para impulsar a comarca de Monterrei
A cabeza de lista do BNG por Ourense comprométese a elaborar “unha Lei do Viño, consensuada co sector, que considere as súas potencialidades e inclúa medidas de financiamento e apoio aos investimentos que se precisan para a industrialización e para a comercialización, sobre todo para as pequenas adegas”. No relativo ao financiamento, o BNG desenvolverá medidas de reconversión e reestruturación do viñedo, con especial atención a “proxecto singulares” de agrupación de viñedos.
Medidas específicas, dentro do Banco de Terras, para fomentar á longo prazo o arrendamento de superficies do cultivo de vide “e tamén faremos programas específicos para a incorporación da mocidade”.
Reindustrializar Ourense e impulsar Tamagos
“O goberno do BNG sacará do caixón o Polígono de Tamagos para xerar e activar a economía de Monterrei” afirma a cabeza de lista do BNG. Neste sentido, Presas sinala que é preciso apostar polo desenvolvemento industrial das comarcas ourensás e, no concreto, na comarca de Monterrei pola súa posición estratéxica –entrada da Meseta, fronteira con Portugal- e a demanda existente de chan industrial” sinala Presas. No goberno do BNG a partir do 18F, confía a cabeza de lista, impulsarase o polígono de Tamagos e aproveitarase a sinerxía con Portugal e, do mesmo xeito, “desenvolverase unha estratexia específica de reindustrialización que aproveite o potencial existente en moitos sectores” o que suporá un aumento dos postos de traballo e un asentamento da poboación, evitando que se vexa forzada a emigrar.