xerais 2023

Noa Presas asina o “Manifesto Auria” para impulsar proxectos estratéxicos para a cidade de Ourense

Manifesto Auria
Manifesto Auria

“É fundamental que este 23X haxa un escano coas mans libres para negociar por Ourense” afirma

“O escano do BNG a partir do 23X será o escano que se comprometa cunha cidade que precisa, dunha vez por todas, se supere o bipartidismo clásico que sempre abandona Ourense” sinala Presas

Un texto que recolle os principais proxectos estratéxicos para a urbe e que son competencia do Goberno do Estado

A cabeza de lista do BNG ao Congreso por Ourense, Noa Presas, asina o “Manifesto Auria” elaborado pola organización nacionalista, un documento simbólico que recolle os principais proxectos pendentes, por parte do Goberno do Estado, na cidade de Ourense. Presas apela a confiar no BNG este 23X para rematar co “bipartidismo clásico que sempre abandona Ourense” e impulsar cuestións que levan na lista de tarefas pendentes moitos anos, condicionando a política do Estado.

O BNG amosa, no último día de campaña, o seu compromiso coa cidade de Ourense a través da sinatura simbólica do “Manifesto Auria”. Un texto que recolle os principais proxectos estratéxicos para a urbe e que son competencia do Goberno do Estado. Na sinatura participaron os concelleiros do BNG na cidade –Luis Seara, Rhut Reza, Erea Blanco-, os deputados provinciais –María Xosé Mangana e Xosé Manuel Puga-, e o deputado no Parlamento de Galiza, Iago Tabarés, e os candidatos ao Congreso, Noa Presas e Artai Gavilanes.

“O escano do BNG a partir do 23X será o escano que se comprometa cunha cidade que precisa, dunha vez por todas, se supere o bipartidismo clásico que sempre abandona Ourense” apunta Presas. “Queremos pór a Ourense no mapa e, nun contexto sen maiorías absolutas, o noso escano será decisivo para condicionar as políticas do Estado e que por fin se acaben con cuestións que levan moitos anos na lista de tarefas pendentes” asevera.

Un dos puntos, por exemplo, é a cuestión de ter “ríos vivos en Ourense a través do saneamento integral do Miño, o Barbaña, o Loña” recuperándose as ribeiras para a cidadanía e apostando polo desenvolvemento sector termal. “O noso compromiso tamén por promover un Ourense solidario cos seus maiores. É necesaria unha discriminación positiva no reparto dos Fondos Europeos para corrixir que Ourense sexa onde menos centros de día existen e onde máis residencias privadas hai” apunta. “A cidade de Ourense debe apostar pola igualdade, sendo sede dun xulgado de violencia machista” afirma.

“É hora de que, dunha vez por todas, se desbloqueen os grandes proxectos da cidade de Ourense a comezar por unha intermodal digna, a comezar porque conecte o barrio da Ponte co Vinteún e seguindo con acelerar os prazos na variante exterior e a variante norte” demanda a cabeza de lista do BNG. Tamén, continúa, acelerar os proxectos pendentes en materia viaria: “Ourense ten que estar conectado con Lugo porque iso vai implicar unha gran remodelación da cidade e dos seus accesos. E Ourense ten que ter, por fin, un boulevard termal que recupere toda a zona norte, colocándonos á vangarda da mobilidade e preparándonos para o cambio climático”.

“Queremos sacar a Ourense do abandono, queremos avanzar porque Ourense merece un futuro de dignidade e, para iso, é fundamental que este 23X haxa un escano coas mans libres para negociar por Ourense” sentenza Presas.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG