A portavoz de Economía, Noa Presas, defendeu as 35 emendas presentadas polo BNG ao articulado dos orzamentos de 2019 do Goberno Feixóo “que mostran a aposta polo centralismo e polo abandono dos servizos públicos e manteñen decisións que sustentan un continuísmo en políticas de recortes que se xustificaban pola crise pero que seguen a día de hoxe”.
Segundo Presas, as emendas do Bloque “desenmascaran a destrución de emprego público” con case 2.000 persoas menos na función pública, tendencia á baixa que continúa en 2019 ao tempo que medra a temporalidade seguindo a estratexia do PP. “Non lles interesa ter un sector público forte”, concluíu Presas.
“Isto ten consecuencias nos servizos públicos”, advertiu, sanidade e educación sobre todo. En Educación hai menos docentes funcionarios que en 2018, polo que o Bloque propón reducir a taxa de interinidade e desandar o camiño dos concertos privados. Na sanidade, “Povisa e o Hospital Álvaro Cunqueiro son exemplos de que debe poñerse coto ás colaboracións público-privadas. É obscena a cantidade de servizos sanitarios que xa están en mans privadas”, denunciou Presas.
A deputada tamén advertía do elevado número de xubilacións que se producirán na sanidade pública, polo que insta á Xunta a “preparase” para renovar o persoal e anticiparse aos problemas, tal como piden os propios profesionais e os sindicatos.
Dentro desa aposta pola recentralización do PP, Presas sinalou a perda de recursos que supón para Galiza un sistema de financiamento que discrimina a este país. “O actual marco autonómico fai que Galiza perda 3.500 millóns de euros anuais”, indicou, de aí “a aspiración de cambio para unha Galiza alternativa que recupere servizos públicos e no que a Administración cumpra co cometido de ser motor da economía e tamén xere emprego público”.
As emendas ao articulado dos orzamentos do Bloque, “propoñen unha alternativa para avanzar nun proxecto ao servizo dunha Galiza de futuro, recuperando dereitos e servizos, no que a propia Administración sexa motor económico capaz de xerar emprego, que limite o endebedamento e as privatizacións para fortalecer o sector público”, salientou Presas.
“Este articulado obedece a un marco centralista que imposibilita exercer o noso autogoberno, que impide contrarrestar os recortes acumulados sobre os servizos públicos, que impide dar un novo impulso á nosa economía. Un articulado que responde a políticas continuistas que nos levan na dirección contraria das necesidades deste país”, concluíu.