A deputada por Ourense, Noa Presas, trasladou ao Parlamento a situación da calzada de acceso ao castelo de Monterrei, pese a que esta fortificación ten a declaración de monumento desde 1931 e ben de interese cultural (BIC).
“Falamos da historia dunha aldraxe, do espolio do patrimonio público para fins privados patrocinado polo Goberno do PP que, despois dun importante investimento público, cedeu o castelo á empresa Paradores contra a vontade da veciñanza, do criterio de varias universidades e de entidades como o Consello da Cultura ou a Academia Galega de Belas Artes”, argumentou a deputada ourensá.
A día de hoxe o castelo-parador está pechado e non tivo un efecto dinamizador na economía da comarca e, por contra, non conta coa protección acaida, a calzada de acceso presenta un estado deficiente e carece dunha figura de protección acaida “para cada un dos elementos do conxunto monumental”.
Na súa interpelación, Presas reprochoulle ao conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, a falta de planificación da Xunta en relación á calzada ou Camiño Real “e agora as necesidades de obras para subministrar servizos ao parador xeran moita preocupación respecto a unha calzada que sufriu un importante deterioro polo paso de camións pesados e a falta de medidas de protección, situación denunciada xa no 2014”, salientou.
Para enderezar a situación, o BNG demanda ao Goberno un plan director de protección e dinamización deste patrimonio, “porque o futuro do enclave de Monterrei debe pasar pola recuperación para uso público e cultural de toda a acrópole, e como Goberno da Xunta teñen unha responsabilidade que lle esiximos: A de velar polo coidado e preservación do conxunto, que inclúe tamén unha protección específica para a calzada”, salientou Presas.
Neste sentido, a proposta que o BNG levou ao Parlamento incluía a protección para a calzada do Camiño Real e os accesos, a intervención da Dirección Xeral de Patrimonio para que avalíe danos e que a Xunta se comprometa a súa reposición e incoe os expedientes sancionadores necesarios. Igualmente, un plan director que contemple todo o conxunto, porque agora temos un parador pechado “pese a promesa do señor Feixóo de que permanecería aberto o 365 días do ano, unha mentira máis”, concluíu.