No aniversario da traxedia de Angrois, debate na Cámara sobre a seguridade ferroviaria en Galiza

JORQUERA XUNTA PORTAVOCES

O BNG entende que a un ano da traxedia de Angrois en materia de seguridade ferroviaria queda moito por facer, o que motiva que leve ao próximo pleno o debate sobre as actuacións necesarias para garantir as condicións de seguridade nos trens que circulan por Galiza e impulsar a modernización da rede ferroviaria do país.

“En materia de seguridade en Angrois despois dun ano pouco menos que o único que se fixo foi colocar un sinal”, denunciou o portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, quen defendeu “o dereito das vítimas e das súas familias a que se saiba a verdade e se faga xustiza, que está obstaculizado pola negativa do PP á comisión de investigación e pola obstrución ao avance da investigación xudicial por parte de altos cargos” da Administración central.

En materia de control do Executivo, Jorquera interpelará a Feijóo sobre as repercusións para Galiza da reforma fiscal que ultima o Goberno central, que cualificou de “regresiva e centralizadora”.

Regresiva porque “as principais beneficiarias das rebaixas serán as rendas do capital e as grandes empresas, mentres se acentúa o peso da recadación nas rendas do traballo”, argumenta Jorquera, ademais de consolidar a suba do IVE.

Centralizadora porque Madrid fixa “unilateralmente” criterios sobre impostos compartidos que implicará un recorte de ingresos para Galiza, tras negarse a flexibilizar os tempos da redución do déficit das CCAA e aprazar a revisión do sistema de financiamento autonómico.

“Consecuencia: menos ingresos e máis repagos para os servizos públicos, sen que saibamos cal é a opinión do presidente da Xunta”, sintetiza o portavoz parlamentario.

O Bloque tamén leva a debate na Cámara as consecuencias do decreto do plurilingüismo no ensino, tras os datos que revelan que o galego desapareceu da educación infantil nas cidades. “O galego xa é de facto unha lingua estranxeira, mesmo máis co inglés”, denuncia Jorquera, e esixe ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, que “acate as sentenzas” e que renuncie as súas “políticas língüicidas”.

Apelando a capacidade lexislativa da Cámara, o BNG someterá a debate unha proposición non de lei para modificar a Lei de Amnistía 46/1977 para evitar que se impida a investigación dos crimes cometidos na ditadura, en contra do que establece o dereito internacional. “Estamos ante o absurdo de que xuíces españois teñen investigado crimes cometidos por outras ditaduras e non poden investigar os cometidos polo franquismo”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG