O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, vén de reunirse co Vicepresidente Segundo e Ministro de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Pablo Iglesias, para lle trasladar o posicionamento da formación nacionalista a respecto dos Orzamentos Xerais do Estado.
Néstor Rego comunicou ao líder de Unidas Podemos no Goberno que o BNG ten disposición a colaborar para que haxa Orzamentos en 2021 mais tamén deixou claro que vai ter unha actitude firme na defensa dos intereses da Galiza. Nese sentido, o deputado nacionalista salientou que as contas do Estado teñen de recoller as partidas precisas para dar resposta ás necesidades do noso país e, particularmente, para que dean cumprimento ao acordo de investidura asinado en xaneiro co Partido Socialista que -lembrou-. “é un compromiso do Goberno con todos os galegos e galegas e, por tanto, debe ser cumprido”.
Rego transmitiu ao Vicepresidente que é imprescindíbel que aumente de forma significativa o investimento territorializado na Galiza en relación co estabelecido nos últimos orzamentos de 2018 e coas previsións de 2019 que -lembrou- se situaban en 757 millóns de euros, que o BNG rexeitou por seren “claramente discriminatorios para o noso País e non permitían recuperar o déficit histórico de investimentos en equipamentos e infraestruturas, particularmente no ámbito ferroviario”.
O deputado do BNG apostou por que os próximos orzamentos sexan claramente sociais e posibiliten unha saída social e xusta da crise. Nese sentido, para alén de aumentar as coberturas sociais -entre elas incrementar o financiamento da lei de dependencia- Rego trasladou a Iglesias que é necesario abordar xa a derrogación da reforma laboral e das pensións ou solucionar o problema dos emigrantes retornados coa facenda española.
Ademais, o deputado nacionalista salientou que para o BNG é fundamental que os fondos europeos sexan repartidos de maneira xusta, tendo en conta criterios específicos como a dispersión da poboación, o envellecemento ou a dependencia para que a Galiza non saia unha vez máis prexudicada. A formación nacionalista reclama que sexan as administracións galegas as que xestionen os fondos europeos e que o seu destino sexa fundamentalmente proxectos públicos de interese social.