O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, celebrou que “hoxe completemos a tramitación da Reforma do Regulamento do Congreso para lle dar máis seguranza xurídica ao uso do galego, catalán e eusquera”, salientando que por fin se remate cunha interpretación restritiva que só “permitía unha utilización anecdótica, case folclórica das linguas”. O cal, subliñou, amosaba a “imaxe dunha concepción política na que existen linguas de primeira e linguas de segunda”.
Rego: “Rectifiquen na UE e defendan as tres linguas”. “Os galegos non somos máis que ninguén, mais tampouco menos”.
Neste punto fixo alusión á proposta do Goberno español de oficializar o uso das tres linguas na UE, unha proposta logo correxida polo Ministro de Asuntos Exteriores para primar o catalán. “A vergoñenta claudicación do Ministro de Exteriores, establecendo unha xerarquización que implica discriminar o galego e o eusquera é simplemente inaceptábel e unha afronta”.
Rego subliñou que “os galegos e as galegas non somos máis que ninguén, mais tampouco menos. Non podemos aceptar semellante discriminación”. Así exixiu ao Goberno español que “rectifique esa posición e manteña a defensa en igualdade das tres linguas”.
“O PP terá que dar explicacións na Galiza por votar en contra do galego”
En canto ao PP, recriminoulle o seu voto en contra: “O PP terá que dar explicacións na Galiza por votar hoxe en contra do galego. Censurou a visión uniformizadora da ultradereita e da dereita ultra, “a ultradereita reforzando a posición exclusiva do español” e o PP “persistindo en dar as costas ao galego. Dirixiuse a Feixóo para espetarlle: ”vostede, que foi presidente da Xunta, é unha deshonra que sempre levará consigo”.
Ironizou cunha afirmación feita por Feixóo en 2021 cando afirmou que “reivindicamos unha Galiza onde falamos español e castelán e onde o que nos interesa é aspirar a falar inglés”. “Lapsus linguae ou será que o traizoou o subconsciente?”, dixo Rego quen deixoulle claro a Feixóo que o galego vaise manter e avanzará en usos a pesar do PP. “Para eso é preciso tirar o PP do Goberno galego. No BNG estamos prontos a facelo e o momento está próximo”.
“Tardouse 45 anos en recoñecer a realidade plurilingüe nesta cámara”
Cualificou a situación existente até o de agora como “unha anomalía democrática” e a expresión “das limitacións políticas do Estado español e do chamado réxime do 78”. Censurou que se tardase 45 anos en recoñecer neste cámara a realidade plurilingüe. Nesta liña, lembrou as diversas ocasións nas que “se nos retirou a palabra na tribuna por empregar o galego”.
Néstor Rego salientou a imposición do castelán na Galiza “e a prohibición do galego ao longo de séculos”, algo sobradamente documentado. Neste sentido, aludiu ao libro de Carlos Callón “O libro negro da lingua galega”, que compila os 500 anos de persecución do galego, mais en palabras do autor, tamén recolle a testemuña “das persoas que loitaron en tempos moi difíciles”.
Asemade, destacou o labor en prol do galego da Mesa pola Normalización Lingüística, que na actualidade sinala que existen máis de 500 disposición legais que garanten a presenza do español, sempre en detrimento do galego.
O deputado do BNG rendeu tributo ao pobo galego que “nunca se rendeu na defensa da súa lingua”. Por iso, recalcou, este paso histórico coa incorporación do galego como lingua de uso na cámara “non é o fin de nada. Ao contrario, debe actuar como panca que impulse a normalización da nosa lingua”.