Xerais 2019

Néstor Rego reclama investimentos para compensar á Costa da Morte polos riscos ambientais

Acto Cee
Acto Cee

Propón un Plan para resarcir á flota pesqueira e artesanal e crear unha base de loita contra a contaminación

O candidato do BNG por A Coruña, Néstor Rego comprometeuse  hoxe en CEE a  defender os intereses de Galiza no  campo, a pesca, a industria e o  emprego, por que  xa vimos, explicou,  como ao longo destes tres anos as forzas que nos representaron  “votaron en función do que lles mandaron as súas direccións  en Madrid”, esquecendo e mesmo, “traizoando” os intereses de Galiza.

Neste sentido, criticou os últimos orzamentos pactados entre En Marea Podemos e PSOE a pesares de seren “os peores investimentos en Galiza en 17 anos, “a terceira parte do ano 2009 cando o BNG tiña representación e utilizou os seus votos para condicionar ao goberno e conseguir os mellores orzamentos naquel momento, máis de 2.100M€ fronte aos 750 que nos presentaban no ano 2019.”

Para o candidato do BNG ao Congreso, esta é unha mostra da diferenza de actuación dunha forza nacionalista como é o BNG e das forzas de ámbito estatal  que “fan o que lles mandan en Madrid”.

No acto celebrado en CEE, acompañado polo candidato á alcaldía, Serxio Domínguez e candidaturas das principais vilas da Costa da Morte e A Coruña, Rego afirmou que o BNG defenderá os intereses desta comarca  demandando un investimento real, para “compensar unha débeda histórica” e  garantir a seguridade nesta franxa da costa atlántica, exposta a accidentes e contaminación marítima.

“Defenderemos dotar a Costa da Morte dunha base de loita contra a contaminación, que podía ser no porto de Brens e tamén a necesaria compensación polo fondeo de buques no seo de Corcubión, polo enorme risco ambiental que isto supón e pola interferencia coa actividade da frota artesanal de pesca”. Ademais, engadiu, exixiremos unha solución e responsabilidades polo heliporto de salvamento marítimo de Ruibo, “en desuso e en estado de abandono”.

DESENVOLVER O TURISMO DOS FAROS

O candidato do BNG asegurou que é preciso  mellorar as infraestruturas dependentes da autoridade portuaria, especialmente para valorizar o inmenso patrimonio que representan os faros, hoxe en decadencia máis “cun enorme potencial para o desenvolvemento dun turismo de calidade que actúe como un factor máis de dinamización económica da comarca”.

Por outra banda anunciou iniciativas para  unha solución definitiva á industria electrointensiva que garanta o mantemento dos postos de traballo, “tan importantes para esta comarca, inmersa nun declive económico e demográfico ao que hai que pór freo xa”.

É preciso, dixo, que o Estado “resarza a Costa da Morte polo servizo gratuíto de asistencia e de buques no seo de  Corcubión, os risco ambientais” e cuxas consecuencias afectan a flota pesqueira e artesanal. “O BNG demandará un plan de compensación” e a creación dunha base de loita contra a contaminación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG