Congreso

Néstor Rego: “Se o PSOE quere un voto favorábel do BNG ten que comprometerse coa Axenda Galega"

"Non nos valen boas intencións políticas, queremos saber que medidas se van aplicar e cando se van aplicar” afirma Néstor Rego

O deputado nacionalista insiste en que son os socialistas quen teñen que decidir comprometerse coas necesidades urxentes do país para un acordo factíbel co BNG.

O deputado Néstor Rego compareceu hoxe en rolda de prensa para avaliar a situación política e a posición do Bloque Nacionalista Galego respecto a investidura que se producirá esta semana.

Rego insiste en que o voto favorábel do BNG estará condicionado ao compromiso que se mostre por parte do grupo socialista ás urxencias de Galiza. “É o Partido Socialista quen ten que decidir se quere que haxa un acordo co BNG ou non [...] se quere comprometerse realmente con este país” afirma o deputado Néstor Rego.

Non se dan por finalizadas as conversas mais o que se demanda dende o BNG é concreción en canto as medidas e os prazos de execución da Axenda Galega que se puxo sobre a mesa. Rego recalca: “non nos valen boas intencións políticas, queremos saber que medidas se van aplicar e cando se van aplicar”.

Salienta ademais que neste mes e medio, dende que o Bloque Nacionalista Galego voltou ao Congreso, falouse máis de Galiza, dos seus problemas e das solucións que precisa, que nos últimos catro anos. Constata que foi o BNG quen consegueu colocar a Galiza na axenda política do debate do Estado. Asemade, destaca a labor feita neste breve tempo parlamentario onde o partido nacionalista ten presentado e desenvolvido varias iniciativas parlamentarias importantes como a petición dun Estatuto das empresas electrointensivas para garantir os postos de traballo nun sector que é fundamental en Galiza. En relacion co accidente do “Blue Star” na costa de Ares, non entenden como Salvamento Marítimo segue dependendo de Madrid e isto dificulta a súa eficacia como se evidenciou neste suceso. Ou o rexeitamento da nova suba das peaxes da AP-9 son algunhas das iniciativas presentadas polo BNG no Congreso neste breve tempo que leva en funcionamento.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG